José González enmarcou esta medida no redeseño da formación para o emprego que impulsa o Goberno galego e no que tamén se encadran outras ordes a demanda do tecido produtivo como a destinada á formación de persoas ocupadas (4 M€)
Destacou o esforzo por pechar o círculo da empregabilidade como exemplifica o novo ‘Galicia Suma Talento: Emprégate’, que prioriza por primeira vez a contratación de persoas formadas previamente en programas autonómicos
Volveu urxir o traspaso das competencias das autorizacións iniciais de traballo das persoas estranxeiras dentro dunha inmigración controlada, segura e eficaz vinculada á demanda das empresas, cunha integración sociolaboral en beneficio da Comunidade
Tamén abordou outros retos do mercado laboral como o absentismo laboral inxustificado, destacando que en Galicia se está a traballar nunha mesa específica dentro do Diálogo Social para buscar solucións adaptadas á realidade galega
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, puxo en valor o esforzo da Xunta de Galicia a prol dun modelo de formación para o emprego máis áxil, flexible e plenamente conectado co tecido produtivo. Así o destacou hoxe en sendas xuntanzas con representantes da Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía —na que estivo acompañado polo director xeral de Comerio e Consumo, Gabriel Alén— e da Confederación Empresarial de Pontevedra —xunto co secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz— nas que lles trasladou as principais iniciativas da Consellería para 2026, deseñadas para dar resposta ás necesidades reais de talento das empresas galegas.
O conselleiro salientou como fito clave desta folla de ruta a recente publicación do decreto pioneiro de microcredenciais para o emprego, que se implantará de xeito progresivo ao longo dos vindeiros meses. Este novo marco permitirá que empresas, clústeres, asociacións e colexios profesionais poidan deseñar, impartir, avaliar e mesmo emitir microcredenciais adaptadas ás súas necesidades específicas, sempre baixo a regulación e supervisión da Xunta, que garante a calidade e homologación destas certificacións. As microcredenciais homologadas facilitarán ás empresas reducir os tempos de adaptación aos postos de traballo, procesos e novas tecnoloxías; mellorar os procesos de selección e promoción interna; e acelerar a incorporación de talento con competencias xa acreditadas. Para as persoas traballadoras —ocupadas ou desempregadas—, constitúen unha vía áxil para actualizar coñecementos, adaptarse aos cambios tecnolóxicos e mellorar as súas oportunidades laborais sen necesidade de cursar formacións de longa duración.
No marco deste mesmo enfoque, destacou outras medidas a demanda das empresas con prazo de convocatoria aberto como o programa Galicia Suma Talento: Plan de Formación Empresas, dotado con 8,5 M€, ou as axudas destinadas á formación para persoas ocupadas, cun orzamento de 4 M€. Ademais, puxo o aceno en que a orde de incentivos á contratación Galicia Suma Talento: Emprégate (19,7 M€) dá prioridade por primeira vez ás persoas que recibisen previamente formación para o emprego financiada con recursos autonómicos.

Benestar laboral
Na súa intervención, o conselleiro tamén abordou outros retos do mercado laboral como o absentismo laboral inxustificado, destacando que en Galicia se está a traballar nunha mesa específica dentro do Diálogo Social para buscar solucións adaptadas á realidade da nosa comunidade. Ademais, avanzou a actualización da Estratexia Galega de Responsabilidade Social Empresarial, que porá o foco no benestar laboral e en seguir acompañando ás empresas na implantación de medidas que favorezan contornas de traballo saudables e reforcen a súa competitividade.
Atracción ordenada de talento da man das empresas
José González tamén expuxo que, ademais das medidas centradas no mercado laboral interno, o Goberno galego desenvolve un plan pioneiro de atracción de talento exterior. Este plan estrutúrase en dous eixes: un primeiro orientado ao retorno das persoas galegas do exterior e un segundo destinado á captación de talento procedente de terceiros países.
Neste ámbito, subliñou a importancia de axilizar o traspaso das competencias das autorizacións iniciais de traballo das persoas estranxeiras, para consolidar o modelo galego baseado nunha inmigración controlada, segura e eficaz vinculada ás necesidades do tecido produtivo, así como nunha integración sociolaboral real en beneficio da nosa Comunidade.
