A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, participou hoxe en Viana do Castelo no acto de peche e presentación de resultados do programa Eures-Transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal
A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, participou hoxe en Viana do Castelo no acto de peche e presentación de resultados do programa Eures-Transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal, un proxecto que coordina a Xunta co gallo de facilitar a mobilidade laboral entre os dous lados da raia, fortalecer a cooperación institucional e apoiar as persoas traballadoras e as empresas da Eurorrexión. En concreto, ao longo do bienio 2024-2025, tense consolidado a información do proxecto a demandantes de emprego, traballadores e empresas da Eurorrexión a través dunha xanela única específica co gallo de avanzar no axuste entre a oferta e a demanda laboral transfronteiriza.
A directora xeral destacou na súa intervención outras actuacións orientadas ao desenvolvemento dun mercado laboral transfronteirizo aberto e accesible, facilitando a intermediación e contratación, recompilando indicadores de mobilidade laboral ou identificando as necesidades de formación para o emprego co obxecto de dar resposta aos sectores con máis necesidade de perfís profesionais na área xeográfica implicada.
Lado aproveitou para poñer en valor que o evento de hoxe reunise tanto representantes institucionais, como das universidades, do sector empresarial e das persoas traballadoras, promovendo a análise, a reflexión e o aliñamento estratéxico. Confirmou o compromiso da Xunta de Galicia coa empregabilidade a través de iniciativas coma esta, amosando a vontade de consolidar os resultados obtidos, de afianzar a coordinación institucional na Eurorrexión e de traballar para afrontar os retos pendentes no próximo período colaborativo.