A convocatoria do ano pasado beneficiou a preto de 130 entidades da provincia de Pontevedra

As axudas poden solicitarse ata o 16 de setembro

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá as instalacións da empresa Terra Adestramento e Saúde, no concello de Cambados, beneficiaria do programa de axudas Aprol Economía Social que ten como obxectivo facilitar a achega das persoas socias ao capital social e reforzar o emprendemento no eido da economía social, sempre que estivesen previamente desempregadas, fosen socias a proba nas entidades ás que se incorporan, estivesen asalariadas nelas ou noutras empresas que logo se transforman en cooperativa ou sociedade laboral. Tamén poden ser beneficiarias as persoas que, sendo desempregadas e inscritas como demandantes de emprego, emprendan unha actividade por conta propia e se incorporen nunha cooperativa como socias en réxime de exclusividade.

Cabe destacar que na pasada convocatoria preto de 130 entidades da provincia de Pontevedra se beneficiaron desta iniciativa o ano pasado por un importe total de máis de 2 millóns de euros.

O delegado territorial aproveitou a visita para destacar a importancia de “seguir apoiando aos emprendedores que arriscan o seu patrimonio para ofrecer servizos á veciñanza e xerar emprego”.

A nova convocatoria está dotada cun crédito inicial de 5 millóns de euros para toda Galicia. Con esta iniciativa, a Xunta busca promover o emprego e o emprendemento nas cooperativas e sociedades laborais ao tempo que contribúe a fixar poboación no rural. Deste xeito, coa convocatoria deste ano prevé, cunha estimación inicial, impulsar a incorporación de máis de 340 persoas como socias nunhas 160 cooperativas e sociedades laborais.

O programa conta con dúas liñas compatibles entre si. A primeira con axudas directas a cooperativas e sociedades laborais para que incorporen como socias, dun xeito prioritario, persoas desempregadas; e a segunda está dirixida ás persoas que entren como socias a unha destas entidades cun contrato indefinido ou tras iniciar a súa actividade por conta propia. Neste último caso, os apoios son compatibles co resto de liñas de impulso ao emprendemento da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.

En ambas liñas, haberá incrementos da axuda acumulables entre si do 25% se as beneficiarias finais son mulleres, persoas con discapacidade, maiores de 45 anos, emigrantes retornadas ou trans. Tamén se as entidades teñen a sede en contornas rurais, se son cooperativas xuvenís ou de nova creación que conten con catro ou máis socios. Neste sentido, de aplicarse todos estes incentivos en ambos casos, a axuda máxima por persoa podería chegar aos 19.500 euros.

As entidades e persoas interesadas en acceder a estas achegas poderán consultar os requisitos na orde publicada no DOG e o prazo de presentación de solicitudes prolongarase ata o 16 de setembro de 2026.

Cómpre engadir que entre os anos 2017 e 2025, a Xunta apoiou a incorporación de preto de 7.000 persoas socias a cooperativas e sociedades laborais cun investimento de preto de 38 M€ contribuíndo ao reforzo da economía social.

Loading...