O Goberno galego avoga por potenciar a colaboración público-privada para optimizar o seu modelo de atracción de talento en conexión coas necesidades de man de obra do tecido empresarial co fin de atender ao reto da cobertura de vacantes laborais. Deste xeito, busca sumar sinerxías para optimizar a captación de persoas traballadoras do exterior de xeito ordenado e planificado e neste contexto enmárcanse encontros como o mantido recentemente polo conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, con representantes da consultora PwC.
Na xuntanza, na que tamén estivo a directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, púxose de relevo o labor de Galicia a prol dunha folla de ruta que se estrutura nun primeiro foco no retorno das persoas galegas do exterior e, nun segundo eixe, na atracción de talento procedente de terceiros países. Un eido no que resulta clave axilizar o traspaso das competencias das autorizacións iniciais de traballo solicitadas por Galicia para responder con eficacia ás necesidades do mercado laboral.