O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou no acto conmemorativo do 50 aniversario da Asociación Autónoma de Empresarios de Talleres de Reparacións de Vehículos de Pontevedra (ATRA)
Fixo fincapé na importancia da colaboración público-privada para afrontar retos como a cobertura de vacantes e a remuda
O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou hoxe en Vigo na clausura do acto conmemorativo do 50 aniversario da Asociación Autónoma de Empresarios de Talleres de Reparacións de Vehículos de Pontevedra (ATRA). Alí puxo de relevo a traxectoria desta entidade, o compromiso na defensa dos intereses dos seus máis de 600 asociados e o seu labor coa formación como ferramenta clave para reter talento e favorecer a necesaria remuda xeracional do sector.
Neste ámbito, subliñou a aposta da Xunta por unha formación á carta do tecido produtivo e destacou como fito clave o decreto pioneiro de microcredenciais para o emprego, que Galicia implantará de xeito progresivo ao longo dos vindeiros meses. De feito, con esta ferramenta as empresas, clústeres, asociacións ou colexios profesionais poderán deseñar, impartir, avaliar e mesmo emitir as microcredenciais segundo as súas necesidades dentro dun marco regulado pola Xunta, que garante a calidade destas certificacións.
Isto forma parte, engadiu, do novo modelo autonómico de formación para o emprego, máis áxil, flexible e conectado co tecido produtivo. Neste contexto destacan, entre outros apoios, a orde Galicia Suma Talento: Plan de formación empresas (8,5 M€) para a posta en marcha de formacións adaptadas ás demandas específicas do tecido produtivo, cun compromiso de contratación de entre o 40 % e o 60 % do alumnado. Unhas axudas que se poden solicitar ata o 1 de decembro ou esgotamento de crédito.
Colaboración público-privada
Ademais, Pablo Fernández fixo fincapé na importancia da colaboración público-privada, é dicir, de seguir traballando da man do tecido empresarial para afrontar retos como a cobertura de vacantes e a remuda. Neste contexto, subliñou a importancia de que a administración actúe como facilitadora, así como do diálogo social como marco para abordar estes desafíos do mercado laboral.