O Goberno galego avoga por seguir reforzando o traballo co tecido social e co resto de administracións e institucións para continuar co avance na igualdade entre mulleres e homes

Manuel Pardo e María Quintiana destacan o impacto positivo que teñen iniciativas como o programa de emprendemento feminino Emega

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pardo, e a directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, participaron hoxe no encontro Falamos de talento, igualdade e futuro do Club de Redeiras, organizado por AJE Ourense con motivo do Día Internacional das Mulleres, o vindeiro 8 de marzo. Manuel Pardo e María Quintiana destacaron o empuxe do liderado feminino no tecido empresarial da provincia de Ourense e de toda Galicia, nunha xornada que contou coa participación de emprendedoras e profesionais de diferentes sectores e que se celebrou no polígono industrial de Pereiro de Aguiar.

Na súa intervención, o delegado territorial de Ourense sinalou que “estamos a vivir un momento social no que é preciso traballar activamente a través da perspectiva de xénero para rexeitar calquera forma de discriminación e violencia, que nos leve a una sociedade igualitaria, na que todas e todos teñamos as mesmas oportunidades, e as mesmas obrigas, xa que só así seremos considerados como verdadeiramente iguais”.

Manuel Pardo salientou que “a Xunta está a traballar decididamente no fomento da igualdade de xénero e o rexeitamento máis absoluto de calquera forma de violencia, e na formación dixital das mulleres para que a innovación e a tecnoloxía non supoña un freo ó avance económico e social da nosa sociedade”. Ademais, manifestou que “as desigualdades socioeconómicas seguen persistindo en todo o mundo e gran parte dos esforzos da Xunta nesta materia buscan, -destacou o delegado territorial-, mellorar a situación das mulleres no eido laboral e social a través de políticas públicas transversais”.

O delegado territorial avogou por seguir traballando co tecido social, co resto de administracións e institucións para seguir avanzando en igualdade e rachar coas desigualdades estruturais que aínda están patentes en todas as sociedades, e destacou que o Goberno galego continuará traballando para fomentar a creación de postos de traballo para mulleres, favorecer o emprendemento, avanzar cara a unha presenza equilibrada de mulleres en postos directivos e de responsabilidade conforme aos principios de mérito e capacidade, e para reducir as desigualdades que aínda existen entre mulleres e homes nos distintos sectores e niveis da economía e da sociedade, facendo especial fincapé nas desigualdades salariais así como nas que afectan as mulleres da contorna rural.

Impulso do talento e capacidade das mulleres

Pola súa parte, a directora xeral de Promoción da Igualdade, reafirmou o compromiso da Xunta en seguir construíndo unha comunidade máis xusta e igualitaria. Neste sentido, destacou os programas que ten en marcha o Executivo autonómico para impulsar o talento, as capacidades de liderado e o coñecemento das mulleres en todos os campos: o laboral, o educativo, o científico, o investigador, o deportivo ou o cultural. Ademais, animou a axudar a visibilizar as mulleres profesionais de todos os sectores e con traxectorias diversas que existen Galicia, referíndose á campaña da Xunta polo 8M “Máis referentes, máis presentes” no que presenta a plataforma presentes.gal.

Entre outras iniciativas, María Quintiana referiuse ao programa de apoio ao emprendemento feminino Emega como promotor do talento feminino e que é exemplo de boas prácticas para a Comisión Europea. Trátase dun programa que nos últimos 13 anos tivo máis de 32 millóns de euros de investimento, o que supuxo apoiar a máis 2.400 proxectos e crear máis de 4.000 empregos.

A directora xeral tamén puxo en valor as axudas que concede a Xunta para favorecer a conciliación e un reparto equilibrado das responsabilidades familiares a través do Plan Corresponsables. Este plan conta este ano cun orzamento de 7,4 millóns de euros destinados a financiar campamentos, servizos de madrugadores, obradoiros e outras actividades para a conciliación corresponsable que organizan Asociacións de Nais e Pais (Anpas) de centros educativos, concellos e entidades sociais.

Teatro

Pola tarde, María Quintiana e Manuel Pardo asistiron ao concerto pola igualdade organizado pola Deputación de Ourense no Teatro Principal con motivo do 8M. O concerto correu a cargo da Xove Orquestra Ourensanía, baixo a dirección de María Mendoza.

 

 

Loading...