O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou na presentación da nova web do Issga ‘Traballo seguro con nanomateriais’, orientado á transferencia de coñecemento e á prevención de riscos laborais asociados ao seu uso
A ferramenta recompila información científico-técnica, recomendacións prácticas e recursos dirixidos a empresas, persoal técnico de prevención, profesionais sanitarios e persoas traballadoras
Trátase dun portal pioneiro en España que centraliza coñecemento actualizado sobre os riscos derivados da exposición a nanomateriais e as medidas preventivas para unha correcta xestión nos centros de traballo
A iniciativa enmárcase na Estratexia de seguridade e saúde laboral de Galicia: Horizonte 2027 e complétase cunha campaña específica sobre nanomateriais no sector da construción
O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández e a xerente do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), Adela Quinzá-Torroja, participaron hoxe na xornada de presentación do novo portal web Traballo seguro con nanomateriais, unha ferramenta dixital orientada á transferencia de coñecemento, á sensibilización e ao apoio técnico para a prevención dos riscos laborais asociados ao uso de nanomateriais nos diferentes sectores produtivos.
Durante a súa intervención, o secretario xeral salientou que esta iniciativa responde ao compromiso do Issga coas organizacións sindicais e empresariais galegas para avanzar na mellora do coñecemento sobre os nanomateriais e acompañar ao tecido empresarial na súa correcta identificación, avaliación e control nos centros de traballo. Neste sentido, puxo en valor que o novo portal recompila información científico-técnica contrastada e actualizada sobre os riscos derivados da exposición a estes materiais e sobre as medidas preventivas que cómpre adoptar para garantir contornas laborais seguras.
Fernández destacou tamén que se trata dun portal pioneiro a nivel nacional, xa que ningunha outra comunidade autónoma conta cun instrumento específico que reúna información sobre prevención de riscos laborais vinculados aos nanomateriais, un risco emerxente cada vez máis presente nas distintas actividades produtivas. Así mesmo, subliñou que esta ferramenta contribúe ao desenvolvemento da Estratexia de seguridade e saúde laboral de Galicia: Horizonte 2027, que contempla entre os seus obxectivos intensificar as actuacións de prevención fronte á exposición a substancias e axentes perigosos.

Ferramenta pioneira de prevención
Para a elaboración do portal, o Issga contou coa colaboración do Centre Específic de Recerca per a la Millora i Innovació de les Empreses (CERpIE), centro de investigación da Universidade Politécnica de Cataluña con ampla experiencia científica e técnica nesta materia. Nesta xornada participaron como relatoras a investigadora e directora do centro, Asunción Galera Rodrigo, e a médica do traballo e presidenta da Sociedade Catalana de Saúde Laboral, Montserrat Puiggené Vallverdú.
O novo portal do Issga reúne información técnica, recomendacións prácticas e recursos dirixidos a empresas, persoal técnico de prevención e profesionais sanitarios, ademais de contidos divulgativos para as persoas traballadoras. A ferramenta aborda os fundamentos dos nanomateriais e da nanotecnoloxía, as súas aplicacións nos sectores produtivos e os criterios para avaliar e xestionar os riscos asociados ao seu uso, incluíndo tamén boas prácticas preventivas en ámbitos como o da construción.
Os nanomateriais están cada vez máis presentes en produtos de uso habitual, especialmente na industria e na construción, ao achegar novas funcionalidades e melloras técnicas. Porén, o seu pequeno tamaño e as súas propiedades específicas poden supoñer riscos emerxentes para a saúde laboral, como a inhalación de partículas, posibles efectos tóxicos ou determinados riscos de incendio ou explosión, polo que resulta fundamental abordar o seu uso desde unha perspectiva preventiva baseada no principio de precaución e na redución da exposición.
Nanomateriais no sector da construción
No marco desta xornada presentouse tamén unha campaña específica sobre nanomateriais no sector da construción, impulsada polo Issga ante o descoñecemento existente sobre o uso destes materiais neste ámbito. Na actualidade existen máis de 450 produtos no mercado que incorporan nanomateriais —como cementos, adhesivos, pinturas ou illantes— que poden liberar partículas ao ambiente durante a súa manipulación. A campaña ten como obxectivo ofrecer orientación preventiva aos distintos axentes implicados mediante materiais divulgativos, como pósteres e vídeos accesibles a través de códigos QR desde calquera dispositivo.
Con iniciativas como esta, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, a través do Issga, continúa reforzando a prevención de riscos laborais fronte a novos desafíos derivados da innovación tecnolóxica e promovendo contornas de traballo máis seguras e saudables en Galicia.