Este programa beneficiou a máis de 90 empresas da provincia cun investimento de máis de 1,5 millóns de euros

O delegado territorial destacou a importancia de manter un tecido produtivo moderno e competitivo

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá as empresas Gomas e Mangueras S.L e Cexco, Valves and Flow Control S.L., ambas no concello de Vilagarcía de Arousa. Estas empresas foron dúas das catro beneficiadas neste concello polos Bonos Talento Empresa e recibiron unha achega de 7.200 e 7.700 euros respectivamente.

Con estas achegas, cofinanciadas pola Unión Europea a través do Programa FSE+ de Galicia 2021-2027, a Xunta financia formacións non regradas de curta duración, axustadas ás necesidades particulares de cada empresa e buscando reforzar as competencias e habilidades das persoas traballadoras nos ámbitos dixital, industrial, de xestión, de servizos persoais e a clientes.

No caso destas empresas o Goberno galego apoiou cursos técnicos relacionados coa utilización de maquinaria e sistemas de automatización. Ao abeiro da convocatoria do ano pasado beneficiáronse desta iniciativa na provincia de Pontevedra un total de case 1.300 traballadores de máis de 90 empresas, por un importe total de máis de 1,5 millóns de euros.

O delegado territorial aproveitou a visita para destacar “o compromiso da Xunta co tecido empresarial galego” e a importancia de manter “unha industria actualizada, formada e moderna para manter a súa competitividade”.

Os proxectos formativos —de modalidade presencial e compostos por un máximo de tres accións, cada unha de entre 16 e 100 horas poden adaptarse no relativo a contidos, programas, persoal docente ou lugar de celebración segundo as necesidades concretas de cada solicitante. Deste xeito, preténdese que as empresas dean resposta áxil e flexible a unha contorna laboral de cambios cada vez máis rápidos, especialmente no contexto da dobre transición dixital e verde.

Loading...