González lembrou que no 2025 Galicia superou as 2.000 cooperativas activas e que este sector factura ao ano máis de 3.000 M€ e emprega a unhas 78.000 persoas, entre socios e traballadores por conta allea

Subliñou que proximamente Galicia aprobará a nova Lei de Cooperativas para visibilizar esta fórmula como alternativa para o emprendemento en sectores estratéxicos

No ámbito do emprego feminino neste eido, o Goberno galego impulsa a iniciativa Medrando Xuntas, da que lanzará mañá unha nova edición coincidindo coa semana do 8M e co fin de fortalecer o papel das mulleres na economía social galega

A isto súmanse apoios como os do programa Aprol Economía Social para promover o emprego e o emprendemento nas cooperativas e sociedades laborais, dos que está aberta ata o 16 de setembro a convocatoria deste ano

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, visitou hoxe as instalacións da cooperativa Bidafarma no Polígono industrial de Pocomaco, na Coruña. Alí puxo de relevo a actividade desta entidade líder no sector da distribución farmacéutica en España e a súa capacidade dinamizadora do territorio e deu conta do apoio do Goberno galego a esta familia da economía social.

Neste sentido, Bidafarma serve a máis do 95 % das farmacias rexistradas na comunidade, incluíndo as de zonas rurais desprazadas. Ademais, o conselleiro salientou a súa participación no Programa autonómico Outonos Cooperativos, que organiza o Goberno galego xunto co Consello Galego de Cooperativas para visibilizar con experiencias reais a fórmula cooperativa e os seus valores e agradeceu o seu labor a prol do progreso da comunidade.

Na visita de hoxe, na que tamén estiveron distintos membros de Bidafarma en Galicia, e a presidenta da Unión de Cooperativas EspazoCoop, Ana Olveira, José González fixo fincapé no peso do cooperativismo e lembrou que no 2025 por primeira vez Galicia superou as 2.000 cooperativas activas, o que supón unha suba de arredor do 40% en relación a hai cinco anos. Ademais, este sector ten un volume global de facturación superior aos 3.000 M€ anuais e emprega a unhas 78.000 persoas, entre socios e traballadores por conta allea.

Aposta da Xunta polo cooperativismo

Para potenciar este pulo do cooperativismo, explicou José González, o Executivo autonómico traballa para dotalo das ferramentas necesarias para potencialo. Neste eido destaca a nova Lei de Cooperativas de Galicia, que Galicia aprobará proximamente para visibilizar esta fórmula como alternativa para o emprendemento en sectores estratéxicos e para proporcionarlles maior seguridade xurídica e ferramentas máis claras e adaptadas á nova realidade socioeconómica.

No ámbito do emprego feminino neste eido, a Xunta impulsa a iniciativa Medrando Xuntas, da que lanzará mañá unha nova edición coincidindo coa semana do 8M e que está pensada para fortalecer o papel das mulleres na economía social galega, na que se encadra o cooperativismo. Este programa inclúe formacións, encontros e accións de visibilización que buscan poñer no centro o talento e o liderado feminino. Entre outros aspectos, daranse a coñecer proxectos que están a transformar a economía desde a cooperación e o compromiso social. A interesadas poderán inscribirse a través da Rede Eusumo.

A isto súmanse, engadiu, os apoios como os do programa Aprol Economía Social para promover o emprego e o emprendemento nas cooperativas e sociedades laborais, dos que está aberta ata o 16 de setembro a convocatoria deste ano, dotada cun crédito inicial de 5 M€. Segundo estimacións iniciais, con esta convocatoria prevese incorporar máis de 340 persoas como socias nunhas 160 cooperativas e sociedades laborais. Ademais, entre os anos 2017 e 2025, con esta orde, a Xunta apoiou con case 38 M€ a incorporación de preto de 7.000 persoas socias a cooperativas e sociedades laborais.

Outras axudas na economía social

Todo isto, explicou o titular de Emprego, enmárcase no apoio da Xunta á economía social no marco da Estratexia Galega de Economía Social Horizonte 2027. Para este eido, o Executivo galego orzamentou este ano case 45 M€. Neste eido, impúlsanse outras convocatorias como o Bono Consolida —2,73M€ e con prazo de solicitudes aberto ata o 10 de abril—, os apoios destinados aos centros especiais de emprego e empresas de inserción e outras para promover a creación de consolidación de empresas e emprego na economía social, así como para fomentar e visibilizar a economía social, entre elas as destinadas ás entidades da Rede Eusumo. A maiores, está aberto ata o 30 de abril o prazo de participación no certame de Cooperativismo no Ensino e nos Premios á Cooperación.

Loading...