O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, valorou hoxe os últimos datos de desemprego e afiliacións destacando que a Comunidade reduciu o paro en preto 5.000 persoas con respecto a hai un ano

Ademais, Galicia conta con 16.283 cotizantes máis en relación con febreiro do ano pasado, un incremento que tamén se rexistra con respecto ao mes pasado, cunha suba de 4.405 afiliacións

En canto aos colectivos prioritarios, tanto no caso das mulleres como no dos parados de longa duración, rexístrase a cifra máis baixa de desemprego para un mes de febreiro de toda a serie (maio 2005)

Galicia pechou febreiro de 2026 con 116.058 persoas no paro, 4.919 menos que no mesmo mes de 2025, e 1.088.231 afiliacións á Seguridade Social, 16.283 cotizantes máis en relación con febreiro do ano pasado. Así o destacou hoxe o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, durante a valoración dos datos de paro e de afiliacións, que en ambos casos son os mellores para un mes de febreiro desde que hai rexistros.

En relación coa evolución anual, a baixada no desemprego supón algo máis do 4%. Ademais, o paro tamén se reduce nas catro provincias galegas e en todos os sectores de actividade, liderando a baixada a construción (-8,97%), seguida do sector primario (-8,69%), da industria (-6,10%) e, por último, dos servizos (-3,13%).

En canto aos colectivos prioritarios, tanto no caso das mulleres como no dos parados de longa duración, rexístrase a cifra máis baixa de desemprego para un mes de febreiro de toda a serie (maio 2005). No caso das mulleres desempregadas a redución anual é de 2.641 persoas (-3,77%) e no dos parados de longa duración a baixada é de 3.460 (-5,85%).

Pablo Fernández especificou que na comparativa mensual rexístrase unha lixeira subida no paro (+0,79 %), un incremento que tamén se produce no resto do Estado. O secretario xeral insistiu en que a evolución do mercado laboral debe analizarse desde unha perspectiva a medio e longo prazo e que os datos amosan que a tendencia sostida no tempo continúa a ser positiva, consolidando os mellores datos históricos nun mes de febreiro.

 

Loading...