O delegado territorial, Javier Arias, explica que en 2025 acolléronse a este programa para garantir a remuda xeracional establecementos de Lugo, Vilalba, Abadín, Bóveda, Carballedo, Burela e Viveiro, que sumaron apoios por case 100.000 euros

A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración mantén aberto o prazo de solicitude das axudas do Bono Remuda, orientado a evitar o peche de negocios por falla de remuda xeracional, dentro da convocatoria única para persoas traballadoras autónomas. As solicitudes poden presentarse ata o 30 de setembro ou ata o esgotamento do crédito.

O delegado territorial da Xunta Javier Arias, visitou hoxe un dos establecementos da capital lucense que se acolleron á convocatoria de 2025, Mel-Fror, especializado en produtos ecolóxicos e nutrición.

No conxunto da provincia, o ano pasado estas achegas axudaron a garantir o futuro de tres negocios na cidade de Lugo, dous en Vilalba e un en cada un dos seguintes concellos: Abadín, Bóveda, Carballedo, Burela e Viveiro.

Os incentivos concedidos suman preto de 100.000 euros e os sectores son moi variados. Así, figuran comercios adicados á venda de flores e plantas, calzado, libros, produtos farmacéuticos, repostos de vehículos ou barbarías, entre outros.

Para fomentar a transmisión de negocios que son viables economicamente, o Goberno galego incrementou este ano o orzamento do programa nun 20 %, ata alcanzar os 1,5 millóns de euros.

A iniciativa conta con dúas liñas: o Bono Remuda Rural, para negocios situados en concellos de menos de 10.000 habitantes; e o Bono Remuda Xeral, para os municipios con máis poboación. No primeiro subvenciónase o 75 % do prezo do contrato de relevo; e no segundo o 70%. A contía máxima da axuda con carácter xeral será de 30.000 euros, coas excepcións recollidas na convocatoria.

Orde unificada para persoas autónomas

O Bono Remuda está incluído nunha orde única para persoas autónomas, que abrangue cinco programas. Este ano inclúe novidades na medida de promoción do emprego autónomo (28,9 M€), ao ampliarse a dous anos a cobertura da cota cero aos traballadores que inicien a súa actividade asociada á agricultura, gandaría ou silvicultura, fronte aos 12 meses da liña xeral. A convocatoria contén tamén o Bono Nova Oportunidade (1,5 M€), para retornar ao autoemprego; o Bono Autónomo (8 M€), axudas a investimentos e melloras en negocios con máis de 42 meses activos; e incentivos á conciliación familiar (750.000 €).

Loading...