A formación afondará na integración do principio de igual retribución por traballos iguais e de igual valor e será impartida por Beatriz Sueiro, inspectora de Traballo e Seguridade Social, e por José Fernando Lousada, maxistrado do TSXG
Dirixida a empresas, profesionais e outras persoas interesadas, poderase seguir de xeito presencial na sede da Confederación de Empresarios de Ourense (CEO) ou de xeito telemático a través do Campus impulsado pola Xunta
A Xunta de Galicia conmemorará o Día Europeo da Igualdade Salarial que se celebra hoxe cunha xornada que terá lugar o próximo mércores 25, de 16,30 h. a 18,30 h., na sede da Confederación de Empresarios de Ourense (CEO), aínda que tamén se poderá seguir de xeito telemático a través do Campus formativo de igualdade laboral. Dirixida a empresas, profesionais e outras persoas interesadas, a formación afondará na integración do principio de igual retribución por traballos iguais e de igual valor e será impartida por Beatriz Sueiro Padín, inspectora de Traballo e Seguridade Social, e por José Fernando Lousada Arochena, maxistrado do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).
A xornada permitirá que as persoas participantes intercambien coñecementos e experiencias arredor do principio de igualdade retributiva, coñecendo ferramentas para a súa aplicación ou analizando os complementos salariais, extrasalariais, incentivos, beneficios sociais, etc. desde unha perspectiva de xénero. Abordarase así o estudo de valoración de posto de traballo como base para a fixación da política retributiva, as medidas de acción positiva para reducir ou eliminar a fenda salarial de xénero, ferramentas como o rexistro retributivo e a auditoría retributiva ou a futura Directiva europea sobre transparencia retributiva, aínda en prazo de transposición.
As persoas interesadas en acudir de xeito presencial á xornada poderán inscribirse aquí. Para seguila en streaming, cómpre acceder coas credenciais correspondentes ao Campus en liña de igualdade laboral e inscribirse no taller.
Cómpre engadir que tras o acto do próximo mércores as persoas participantes terán ata o 4 de marzo para responder o test de avaliación posto á súa disposición a través do Campus en liña. Para obter o certificado de aproveitamento do taller, ademais de ter asistido á xornada, deberá responderse satisfactoriamente polo menos o 70 % das cuestións expostas nese test.