González salientou o novo enfoque de formación para o emprego do Goberno galego, máis áxil, flexible e conectado coas empreas con axudas como as do programa Galicia Suma Talento: Plan de formación empresas (8,5 M€), con convocatoria aberta
Subliñou como fito clave neste eido o decreto pioneiro de microcredenciais para o emprego, que se implantará de xeito progresivo ao longo dos vindeiros meses
En canto á captación de talento exterior, urxiu ao Goberno central o traspaso das competencias das autorizacións iniciais de traballo para potenciar a folla de ruta de Galicia enfocada a atraer traballadores dun xeito planificado
Tamén puxo o foco en proxectos de especial relevancia para o comercio ourensán, como a iniciativa Vilas Vivas que se está a desenvolver en Ribadavia ou o novo protocolo coa Deputación para potenciar as prazas de abastos da provincia
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, informou esta semana na sede da Confederación de Empresarios de Ourense (CEO) sobre as medidas e apoios da Xunta para impulsar unha formación adaptada ás empresas para atender as súas necesidades de man de obra, sumar talento e garantir a remuda xeracional. Nesta liña —no marco dunha xuntanza na que tamén estivo o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, a vicepresidenta da Deputación de Ourense, Marta Nóvoa, e o presidente da CEO, David Martínez— explicou o novo modelo de formación para o emprego da Xunta, máis áxil, flexible e conectado co tecido produtivo.
Dentro deste novo enfoque, destacou a orde Galicia Suma Talento: Plan de formación empresas (8,5 M€) para a posta en marcha de formacións adaptadas ás demandas específicas do tecido produtivo, cun compromiso de contratación de entre o 40 % e o 60 % do alumnado. Unhas axudas, lembrou, que se poden solicitar ata o 1 de decembro ou esgotamento de crédito. A elas súmanse as destinadas á formación para persoas ocupadas a demanda do tecido produtivo (4M€) —neste caso para o financiamento de accións do Sistema de Formación Profesional dos graos A, B e C, así como de competencias clave—, con prazo ata o 30 de setembro ou esgotamento do crédito.
Un fito clave neste eido, no que fixo fincapé o conselleiro, é o decreto pioneiro de microcredenciais para o emprego, que se implantará de xeito progresivo ao longo dos vindeiros meses. Con esta ferramenta, especificou, as empresas, clústeres, asociacións ou colexios profesionais poderán deseñar, impartir, avaliar e mesmo emitir as microcredenciais segundo as súas necesidades dentro dun marco regulado pola Xunta, que garante a calidade destas certificacións. Ademais, puxo o foco na importancia de pechar o círculo da empregabilidade, conectando formación e emprego. Neste contexto, lembrou que desde esta semana están dispoñibles apoios á contratación por parte das empresas a través do Galicia Suma Talento: Emprégate, de 19,7 M€, para favorecer a incorporación ao mercado laboral das persoas desempregadas con maiores dificultades de inserción. Por primeira vez, indicou, darase prioridade ás persoas que recibiran previamente formación para o emprego financiada con recursos autonómicos, reforzando así a conexión directa entre as políticas formativas da Xunta e a contratación efectiva.
Na súa intervención, tamén abordou outros retos das empresas como o absentismo laboral inxustificado, destacando que en Galicia se está a traballar nunha mesa específica dentro do Diálogo Social, buscando solucións adaptadas á realidade galega.

Pulo ao comercio
O comercio foi tamén un dos asuntos tratados polo conselleiro, que destacou o paquete de medidas impulsadas pola Xunta no marco do Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030. Neste contexto, puxo o foco en proxectos de especial relevancia para o ecosistema comercial ourensán, como Vilas Vivas, iniciativa piloto de dinamización de vilas senlleiras que se está a desenvolver en Ribadavia, coa previsión de acadar 15 locais activos durante o primeiro semestre de 2026. Ademais, puxo en valor o convenio asinado coa Deputación de Ourense esta mesma semana, para modernizar as prazas de abastos da provincia, cun esquema de financiamento no que o Goberno autonómico achega o 70 %, a Deputación o 20 % e os concellos o 10 % restante. Ao respecto, lamentou de novo o bloqueo do Concello de Ourense na situación da Praza de Abastos nº 1, rexeitando o ofrecemento público de 2 M€ procedentes da Xunta, da Deputación e dos praceiros, que permitirían dar unha solución á situación sen custo para o Concello.
Atracción ordenada de talento da man das empresas
José González expuxo que demais destas medidas no mercado laboral interno, o Goberno galego conta cun pioneiro plan de atracción de talento exterior cun primeiro eixo que pon o foco no retorno das persoas galegas do exterior e un segundo destinado a sumar talento procedente de terceiros países. Neste ámbito insistiu en que é clave axilizar o traspaso das competencias das autorizacións iniciais de traballo solicitadas por Galicia para responder con eficacia ás necesidades do mercado laboral. Ademais, aludiu ao novo escenario derivado da regulación extraordinaria de persoas inmigrantes en situación irregular anunciada polo Goberno central, que —segundo sinalou— evidencia falta de planificación e rigor nun ámbito que debería abordarse como política de Estado.
