O programa Bono Talento Empresa beneficiou a máis de 90 empresas da provincia
O delegado territorial na provincia destacou a importancia de manter un tecido produtivo moderno e competitivo
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá a panadería A Bicha, no concello de Bueu, beneficiaria do Bono Talento Empresa para a realización de proxectos formativos de corta duración.
Con estas achegas, cofinanciadas pola Unión Europea a través do Programa FSE+ de Galicia 2021-2027, a Xunta financia formacións non regradas de curta duración, axustadas ás necesidades particulares de cada empresa e buscando reforzar as competencias e habilidades das persoas traballadoras nos ámbitos dixital, industrial, de xestión, de servizos persoais e a clientes.
No caso da panadería A Bicha, o Goberno galego apoiou cursos relacionados coa aplicación da intelixencia artificial e o manexo de novos sistemas informáticos. Ao abeiro da convocatoria do ano pasado beneficiáronse desta iniciativa na provincia de Pontevedra un total de case 1.300 traballadores de máis de 90 empresas, por un importe total de máis de 1,5 millóns de euros.
O delegado territorial aproveitou a visita para poñer en valor a importancia de manter “un tecido produtivo actualizado, moderno e competitivo” e asegurou que dende a Xunta “seguiremos a poñer todos os recursos ao noso alcance para apoiar aos empresarios e traballadores que apostan por Galicia”.
Os proxectos formativos —de modalidade presencial e compostos por un máximo de tres accións, cada unha de entre 16 e 100 horas— poderán adaptarse no relativo a contidos, programas, persoal docente ou lugar de celebración segundo as necesidades concretas de cada solicitante. Deste xeito, preténdese que as empresas dean resposta áxil e flexible a unha contorna laboral de cambios cada vez máis rápidos, especialmente no contexto da dobre transición dixital e verde.