O delegado territorial visitou esta mañá as instalacións de Captioma Salnés, no concello de Vilagarcía de Arousa, e puxo en valor o papel da formación para mellorar a empregabilidade
O prazo para presentar as solicitudes da convocatoria 2026-2027 segue aberto ata o 30 de novembro ou ata que remate o crédito orzamentado
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá as instalacións de Captioma Salnés, entidade que imparte no concello de Vilagarcía de Arousa dúas accións formativas para desempregados (AFD) grazas a unha achega da Xunta de preto de 160.000 euros.
Durante a visita, o delegado coñeceu de primeira man o desenvolvemento das accións formativas e intercambiou impresións co equipo responsable e co alumnado participante, aos que felicitou polo seu compromiso e implicación. Reguera destacou a importancia de contar con entidades formativas consolidadas como Captioma Salnés “que cada ano dan o mellor de si para formar a decenas de persoas desempregadas e que contan cunha ratio de integración laboral moi prometedora”.
Os dous cursos que se imparten en Pontevedra abranguen especialidades vencelladas á xestión administrativa e á creación de páxinas web, ámbitos nos que existe unha gran demanda de profesionais cualificados.
Cabe destacar que no concello de Vilagarcía de Arousa lévanse a cabo 13 accións formativas por parte de seis entidades, o que supón un investimento da Xunta de máis de máis de 810.000 euros. No caso da comarca do Salnés, son 23 as accións formativas para desempregados que se levan a cabo grazas a un investimento da Xunta de preto de 1,5 millóns de euros.
O delegado territorial aproveitou a súa intervención para lembrar que “a política de emprego é a mellor política social que se pode facer” e animou ao alumnado a aproveitar ao máximo estas oportunidades formativas.
O prazo para presentar as solicitudes da convocatoria 2026-2027, dotada con 40 M€, segue aberto ata o 30 de novembro ou ata que remate o crédito orzamentado. Cómpre destacar que a orde, no marco do redeseño da formación para o emprego que promove a Xunta, vén de ser reformulada co foco na flexibilización, a axilidade, a conexión co mercado e a atención á demanda efectiva das persoas beneficiarias, co obxectivo de potenciar a súa empregabilidade e responder ás necesidades de talento das empresas. A convocatoria permite modular a capacitación e reducir o tempo de formación, incluíndo graos B (200-300 h) e C (600-1.000 h), e, como novidade desde o ano pasado, microformacións de grao A (30-40 h), abrindo un escenario máis amplo e adaptado aos perfís e ás necesidades reais do mercado. Ademais, cada acción formativa, como se introduciu en 2025, debe responder a unha demanda real, cun compromiso previo acreditado polas entidades formativas dun mínimo do 30 % do alumnado.
