A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá no Centro de Emprego do concello de Ferrol, aos participantes nun curso de atención socio-sanitaria a persoas dependentes en institucións sociais

Esta é unha das accións formativas para persoas desempregadas (AFD) que a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración apoia a través da convocatoria 2025-2026

A orde deste ano conta cun orzamento de 40 M€ e foi redeseñada de xeito integral co obxectivo de potenciar a empregabilidade e dar resposta ás necesidades de talento das empresas

A Xunta mantén aberta a nova convocatoria 2026-2027 de Accións Formativas para persoas Desempregadas (AFD), dotada cun crédito inicial de 40M€ que se enmarca no redeseño integral da formación para o emprego que está impulsando a Xunta e que aposta pola flexibilización, a axilidade, a conexión co mercado e a atención á demanda efectiva das persoas beneficiarias. Así o informou esta tarde a delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, durante unha visita ao Centro de Emprego do Concello de Ferrol, beneficiario da convocatoria anterior da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.

En concreto, o concello está a impartir un curso de atención socio-sanitaria a persoas dependentes en institucións sociais de máis de 500 horas formativas a un total de 13 alumnos. A acción formativa recibe unha achega de máis de 52.000 euros por parte da Administración autonómica.

Durante a visita, na que a delegada territorial estivo acompañada polo alcalde, José Manuel Rey, lembrou que o prazo de solicitudes estará aberto ata o 30 de novembro de 2026 ou esgotamento de crédito, repartindo o crédito total de 40 M€ en dúas anualidades para financiar accións que se inicien este ano e poidan prolongarse no seguinte. Aneiros destacou que “o obxectivo destas accións formativas é potenciar a empregabilidade dos alumnos e dar resposta ás necesidades de talento das empresas, animando a todos os participantes a aproveitar esta oportunidade como ferramenta para acceder ao mercado laboral”.

Cada acción formativa, tal e como se contempla desde 2025, debe responder a unha demanda real, cun compromiso previo acreditado polas entidades formativas dun mínimo do 30% do alumnado, o que garante que a formación estea vinculada á realidade produtiva e permite ás empresas canalizar as súas necesidades concretas a través de centros acreditados de xeito áxil.

Esta convocatoria complétase con outras como Galicia Suma Talento: Emprégate, dotada de 19,7M€, que por primeira vez inclúe incentivos á contratación das persoas desempregadas que nos últimos dous anos remataran accións AFD, obradoiros de emprego ou programas integrados de emprego.

Convocatoria anterior

Aneiros lembrou que na convocatoria pasada 2025-2026 foron 12 as entidades das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal que desenvolveron en total 33 accións formativas para persoas desempregadas, permitindo impartir na zona máis de 20.500 horas formativas para as que a Xunta concedeu case 2 millóns de euros en axudas para a súa financiación.

Loading...