José González referiuse aos datos do paro e afiliacións coñecidos hoxe, destacando que no mes de xaneiro Pontevedra baixou o desemprego en termos anuais en 3.101 persoas, un -6,60 %, e rexistra o mellor número de cotizantes desde 2008 (377.949)
Subliñou o redeseño integral da formación para o emprego como un eixo clave para potenciar o talento interno, avanzando cara a un modelo máis flexible, no que as necesidades formativas veñen determinadas pola demanda real das empresas
Neste contexto, situou medidas como o novo decreto de microcredenciais e o enfoque de ordes xa abertas como as ‘Accións Formativas para persoas desempregadas’ (40 M€) ou o ‘Galicia Suma Talento: formación persoas ocupadas’ (10,6 M€)
En materia de captación de talento exterior, referiuse ao novo escenario aberto pola regulación extraordinaria de persoas inmigrantes en situación irregular, que evidencia, sinalou, a improvisación e falta de planificación e rigor do Executivo estatal
Defendeu que Galicia aposta por un modelo ordenado desde a orixe e aliñado co mercado laboral, e urxiu a acelerar a traspaso das competencias das autorización iniciais de traballo solicitado ao Goberno central
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo delegado do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, e polo secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, destacou hoxe en Valga a importancia de avanzar da man do tecido produtivo galego e dos concellos como aliados estratéxicos para dar respostas eficaces aos retos do emprego, da competitividade e da captación de talento, cuestións clave para cubrir vacantes, garantir a remuda xeracional e fixar poboación no territorio.
Así o sinalou durante a xuntanza organizada polo Concello de Valga —na que tamén estivo presente o alcalde do municipio, José María Bello—, que reuniu a representantes do empresariado local. No encontro, o conselleiro expuxo algunhas das liñas estratéxicas do Goberno galego para o reforzo do mercado laboral e fixo referencia aos datos do paro e afiliacións coñecidos hoxe, no que a comunidade rexistrou 115.144 persoas desempregadas e 1.083.826 cotizantes á Seguridade Social. No caso de Pontevedra, destacou que no mes de xaneiro a provincia baixou o desemprego en termos anuais en 3.101 persoas, un -6,60 %, e rexistra o mellor número de cotizantes desde 2008 (377.949).
Neste contexto, puxo o acento na importancia de formar e reter o talento na Comunidade e situou como eixo fundamental o redeseño integral da formación para o emprego que está a impulsar a Xunta. Segundo explicou, trátase dun cambio estrutural orientado a configurar un sistema máis áxil, flexible e directamente conectado co mercado laboral, no que sexa a demanda real do tecido produtivo a que marque as necesidades formativas. Baixo esta filosofía enmarcou medidas estratéxicas como o novo decreto pioneiro de microcredenciais para o emprego, así como novas ordes de formación para o emprego abertas actualmente, entre as que destacou a liña de Accións Formativas para persoas Desempregadas (AFD) dotada con 40 M€ ou os apoios do Galicia Suma Talento: formación persoas ocupadas, cun orzamento de 10,6 M€.
O conselleiro remarcou tamén o papel clave dos concellos, como Valga, para facer chegar as políticas autonómicas ao territorio e adaptar as respostas ás realidades locais a través de entidades municipais. Neste sentido, referiuse a iniciativas de pulo á contratación como a orde Galicia Suma Talento: Rural Activo, que se incrementa este ano dos 6 aos 20 M€, ou os obradoiros duais de emprego, que o pasado ano permitiron formar 400 persoas na provincia de Pontevedra para a súa inserción laboral a través de 21 obradoiros.

Captación de talento ordenada e en liña coas empresas
No marco do encontro, e en relación coa captación de talento do exterior, José González tamén se referiu ao novo escenario aberto pola regulación extraordinaria de persoas inmigrantes en situación irregular anunciada polo Goberno central, que —sinalou— evidencia improvisación e falta de planificación e rigor nun asunto que debería abordarse como unha política de Estado.
Tal e como defende Galicia, o conselleiro afirmou que a atracción de talento é clave para cubrir vacantes, pero debe facerse vinculando a xestión dos fluxos migratorios á integración laboral real. Por iso, remarcou, Galicia aposta por un modelo integral que actúa desde a orixe para promover unha inmigración ordenada, aliñada coas necesidades das empresas e garantindo os dereitos das persoas traballadoras, cun primeiro eixo centrado no retorno das persoas galegas do exterior e, nun segundo, na atracción de persoas procedentes de terceiros países. Nesta folla de ruta —concluíu— resulta clave a axilidade no traspaso das competencias das autorizacións iniciais de traballo solicitado por Galicia, do que a Xunta urxe acelerar o proceso para poder dar respostas eficaces ás necesidades do mercado laboral.