O Goberno galego acaba de recibir por parte do Executivo central un borrador de acordo de traspaso tras unha primeira reunión técnica celebrada a pasada semana
O presidente do Executivo galego sinala que a Xunta está á espera da remisión da memoria económica que recolla o traspaso dos medios materiais e persoais vinculados ás novas competencias, e que debería ser enviado a finais deste mes como paso previo á Comisión Mixta de Transferencias
Galicia urxe acelerar este proceso, máis necesario aínda coa regularización masiva de inmigrantes aprobada polo Goberno, mal concibida ao non nacer do consenso e que precisará respostas no territorio, incluíndo a inmediata incorporación ao emprego
Salienta a negociación co Estado para asumir canto antes estas novas competencias co obxectivo de poder exercelas xa no primeiro semestre de 2026.
Fronte aos bandazos e falta de planificación do Executivo nunha cuestión que debería ser de Estado, Galicia defende, dentro das súas competencias, un modelo de atracción de talento ordenado e conectado coas empresas para a inserción laboral con garantías
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe que o Consello da Xunta avaliou un informe sobre os pasos que se están a dar por parte de Galicia para asumir as competencias en materia de autorizacións iniciais de traballo, o “prolegómeno a acordos importantes que teñen que chegar”.
Unha cuestión estratéxica para o Goberno autonómico, que despois de solicitar este traspaso ao Executivo en xullo de 2025 co respaldo unánime do Parlamento de Galicia e o aval do Consello Consultivo, acaba de recibir un borrador de acordo de traspaso tras unha primeira reunión técnica celebrada o pasado mércores 28 de xaneiro en Santiago.
Rueda informou de que o borrador de traspaso de competencias remitido inclúe as autorizacións iniciais de residencia e traballo por conta allea e por conta propia —ou a súa modificación sempre que afecte exclusivamente ao ámbito territorial de Galicia—; as autorizacións iniciais de traballo por conta allea e por conta propia —ou a súa correspondente prórroga— para persoas traballadoras transfronteirizas; as autorizacións iniciais de traballo para actividades de tempada —ou a súa prórroga—; ou as autorizacións de traballo por conta allea ou conta propia para titulares de estancias de longa duración por estudos, mobilidade de alumnos, servizo de voluntariado ou actividades formativas.
Segundo salientou o titular do Executivo galego, neste momento a Xunta está á espera da remisión da memoria económica “que recolla a transferencia dos medios materiais e persoais” vencellados ás novas competencias, e que segundo o transmitido no encontro da pasada semana, debería ser enviado a finais deste mesmo mes de febreiro como paso previo á convocatoria da Comisión Mixta de Transferencias para consensuar este traspaso. Nesta liña, o Goberno galego remarca a súa plena disposición e urxe ao Executivo central a avanzar, despois de ter que esperar catro meses entre o contacto inicial co Executivo e esta primeira reunión técnica.
Unha regularización aprobada sen consenso nin diagnóstico previo
Estas competencias, que tal e como sinalou o presidente xa teñen Euskadi e Cataluña, son —segundo advirte a Xunta— aínda máis necesarias para Galicia tendo en conta a situación que pode derivarse da regularización masiva de inmigrantes en situación irregular aprobada a pasada semana polo Goberno e que sen dúbida farán precisas respostas específicas dende o territorio ligadas ás políticas activas de emprego que exerce cada comunidade autónoma.
Respecto da regularización, o Goberno galego lamenta que esta nace mal concibida por derivarse dun acordo fóra da vía parlamentaria, convertendo o que debería ser unha cuestión de Estado nunha ferramenta conxuntural e aprobándoa sen consenso político, planificación nin diagnóstico previo. Ademais, a Xunta lembra ao Executivo que a incorporación real das persoas traballadoras estranxeiras non pode limitarse a formalizar situacións administrativas, remarcando a necesidade de vencellar a inmigración ao emprego de calidade para evitar situacións de vulnerabilidade ou exclusión social.
Por todo isto, lamentando o enfoque e as severas eivas estruturais da política migratoria do Goberno central, a Xunta urxe acelerar o traspaso de funcións e servizos relacionados cos permisos iniciais de traballo. O obxectivo é claro: sempre dentro das competencias autonómicas, avanzar nun modelo integral para Galicia que permita incorporar os traballadores estranxeiros ao tecido produtivo coa máxima axilidade, dun xeito ordenado e con todas as garantías. Un modelo propio, aliñado coas demandas de talento das empresas e no que se considera imprescindible a participación da administración autonómica en todo o proceso, dende a captación de traballadores á tramitación administrativa necesaria para que estes poidan traballar no noso territorio.
Vindeiros pasos de Galicia
A folla de ruta trazada por Galicia avanza en dous niveis. Por un lado, Rueda salientou a negociación co Estado para asumir canto antes estas novas competencias co obxectivo de poder exercelas xa no primeiro semestre de 2026. E, polo outro, os preparativos internos necesarios, que se seguirán a desenvolver nas vindeiras semanas, incluídos aqueles orientados a facilitar a inmediata incorporación ao tecido laboral das persoas inmigrantes que se regularicen.
Este modelo, no que tamén serán chave outras reclamacións ao Goberno central como a axilización da homologación de títulos ou a actuación do catálogo de postos de difícil cobertura, busca artellar as ferramentas axeitadas para procurar unha migración ordenada e ligada ao mercado de traballo. Un camiño que, segundo lembrou o presidente, conta cun eixo prioritario nos galegos e galegas do exterior artellado a través da Estratexia Galicia Retorna, e que baixo a mesma filosofía de planificación, accións en orixe e conexión directa coas empresas, busca atraer nun segundo eixo a traballadores de terceiros países, cun foco especial en Hispanoamérica por cuestións de arraigo sociocultural.