O Diario Oficial de Galicia publicou esta semana a primeira convocatoria de apoios do programa Galicia Suma Talento: Plan de formación empresas para a posta en marcha de formacións adaptadas ás demandas específicas do tecido produtivo

Está dotada con 8,5 M€ e permitirá cualificar 2.800 persoas desempregadas, cun compromiso de contratación de entre o 40 % e o 60 % do alumnado participante, pechando así o círculo entre formación e inserción laboral

O novo marco ofrece tanto accións formativas do SEPE como da Formación Profesional con graos A, B e C para responder de xeito flexible ás necesidades de cualificación

Sectores estratéxicos como automoción, defensa ou alimentario, entre outros, poderán solicitar estes apoios desde o vindeiro 14 de xaneiro ata o 1 de decembro

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou esta semana as bases reguladoras e a primeira convocatoria de Galicia Suma Talento: Plan de formación empresas, unha iniciativa que integra nun único instrumento formación, empresa e talento. A orde, dotada con 8,5 millóns de euros para o período 2026-2027, permitirá cualificar máis de 2.800 persoas desempregadas mediante accións formativas directamente demandadas polo tecido produtivo —atendendo ás súas necesidades reais e ás súas perspectivas de crecemento— e cun compromiso de contratación de entre o 40 % e o 60 % do alumnado participante.

Neste sentido, a iniciativa busca ofrecer ás empresas un marco estable e con seguridade xurídica para a planificación das súas necesidades de capacitación, facilitando unha programación estratéxica da formación que require o tecido produtivo. De feito, esta convocatoria establece un prazo de execución das accións ata marzo de 2027, o que contribúe a desestacionalizar a oferta formativa e a adaptala de maneira óptima ás necesidades específicas das empresas, dos clústeres e das asociacións empresariais. Estas entidades poderán solicitar os apoios desde o vindeiro 14 de xaneiro ata o 1 de decembro.

Cómpre destacar tamén que a orde recolle dúas liñas de accións formativas, ampliando de xeito estratéxico os itinerarios dispoñibles e incluíndo tanto especialidades do Catálogo do Servizo Público de Emprego como accións do Sistema de Formación Profesional, con formacións formais e acumulables de grao A, B e C. Isto posibilita itinerarios máis completos e habilitantes, ofrecendo tanto programas de longa duración como microformacións especializadas, e convertendo esta liña de axudas nun instrumento máis áxil, flexible e capaz de responder ás necesidades de cualificación e aos perfís profesionais emerxentes.

Grazas a este novo enfoque, a iniciativa achega ás empresas formacións flexibles, modulables e plenamente axustadas á demanda, necesidades reais e aos seus plans de crecemento. En paralelo, promóvense novas oportunidades laborais para as persoas desempregadas, que se forman especificamente para cubrir os postos que precisan as organizacións participantes. Ao abeiro desta medida, empresas ou clústeres de sectores estratéxicos —como automoción, defensa, sociosanitario ou agroalimentario— poderán solicitar e impartir cualificacións específicas e incorporar ao persoal formado para reforzar tanto as súas actividades actuais como as súas futuras liñas produtivas.

Detalles da convocatoria

Poden optar ás unidades formativas con compromiso de contratación empresas —soas ou agrupadas temporalmente— ou centros acreditados para impartir formación profesional en Galicia —asumindo o compromiso de contratación mediante acordos ou convenios con empresas–. No caso dos clústeres e asociacións empresariais que resulten beneficiarios actuando como entidades de formación poderán realizar a contratación das persoas traballadoras nas empresas adheridas. Para acceder a estas accións, as alumnas e alumnos deberán estar rexistrados como demandantes no SPEG e non estar ocupados na data de inicio dos cursos. Poden obviar este trámite as persoas mozas inscritas no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil, tamén potenciais beneficiarias da cualificación.

Ao respecto das formacións, estas realizaranse en formato presencial. En canto ao compromiso de contratación, será dun mínimo do 60 % do alumnado aprobado e/ou formado no caso de contratos cunha duración de polo menos 6 meses, ou dun 40 % se é por un período igual ou superior aos 12 meses. A contía das achegas calcularase en función do custo da formación da especialidade impartida, da duración e do número de participantes. Cómpre sinalar que a orde, aplicando o réxime de concorrencia non competitiva, axiliza o proceso de concesión de subvencións, favorecendo que as empresas accedan á formación e cobertura dos postos de traballo de xeito inmediato.

Estes apoios enmárcanse na aposta da Xunta por un modelo formativo flexible, áxil, conectado co tecido produtivo e coas persoas beneficiarias a prol da súa empregabilidade. Neste ámbito, destaca o futuro decreto que regulará as microcredenciais para o traballo.

Loading...