O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, vén de manter un encontro co alcalde de Crecente, Julio César García-Luengo, con quen abordou as vías de colaboración entre a Xunta e o Concello co obxecto de aumentar a empregabilidade e potenciar o sector comercial do municipio.
En concreto, tratáronse apoios autonómicos dos que se ten beneficiado Crecente como as axudas á contratación por parte das entidades locais, así como as destinadas á realización de actividades de información, orientación e busca de emprego. No relativo ao comercio, puxéronse en valor os diversos establecementos cos que conta a localidade e o potencial do mercado municipal que se vén de renovar á hora de ofrecer produtos agroalimentarios de proximidade e calidade.