O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, mantivo unha reunión co director adxunto do Centro de Emprendemento, PEME, Rexións e Cidades da OCDE, Nadim Ahmad

Durante o encontro, González destacou o esforzo de Galicia polo desenvolvemento das catro provincias, recoñecido co galardón de Rexión Emprendedora Europea 2025, e puxo en valor a futura Estratexia de emprendemento ligado ao territorio

Coincidindo co Ano Internacional das Cooperativas, Ahmad interesouse tamén polos proxectos galegos na economía social e o seu papel como motor de novas iniciativas, especialmente nas áreas non urbanas de Galicia

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, mantivo unha reunión co director adxunto do Centro de Emprendemento, PEME, Rexións e Cidades da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE), Nadim Ahmad.

O obxectivo deste encontro —que se celebrou no marco do recente congreso Ultreia Galicia, en Nogueira de Ramuín (Ourense)— foi compartir experiencias e boas prácticas, así como poñer en valor o traballo da Xunta en materia de emprendemento, economía social e retorno dos galegos do exterior como eixos clave de xeración de emprego, remuda xeracional e impacto no territorio.

Durante a xuntanza, Nadim Ahmad interesouse polos proxectos que lidera Galicia nestes ámbitos e o conselleiro tivo a ocasión de compartir a estratexia que está a impulsar a Xunta de Galicia para promover o emprendemento ligado ao territorio, co obxectivo de desenvolver o potencial das catro provincias, fixar poboación e dinamizar a economía local. Destacou que esta aposta xa foi recoñecida a nivel europeo coa distinción de Galicia como Rexión Emprendedora Europea 2025 e que se consolidará a través da futura Estratexia de emprendemento ligado ao territorio, con horizonte en 2030, e da que o Goberno galego vén de presentar recentemente as liñas mestras. Neste marco, José González subliñou especialmente a pioneira Rede de polos de emprendemento como núcleo central desta aposta, con máis de 15 oficinas repartidas por Galicia, que xa atenderon en conxunto máis de 5.300 proxectos.

Así mesmo, o conselleiro agradeceu o interese de Nadim Ahmad pola aposta galega no eido da economía social, resaltando o seu papel como motor de novas iniciativas, especialmente na Galicia non urbana, e como aliada da cohesión territorial. Neste contexto, e coincidindo co Ano Internacional das Cooperativas, sinalou que Galicia contará proximamente cunha nova Lei de Cooperativas, que consolidará o momento histórico do sector, que supera por primeira vez as 2.000 cooperativas activas na comunidade.

Finalmente, outro dos aspectos destacados na reunión foi o plan de atracción de talento que está a desenvolver Galicia en liña coas recomendacións europeas e como resposta a retos como a cobertura de vacantes, baseado nunha captación planificada e adaptada ás necesidades reais do tecido produtivo galego, tanto por conta allea como por conta propia. Así, puxo de relevo o foco prioritario que se pon no retorno da Galicia exterior e destacou medidas como o Programa Retorna Cualifica Emprego, que terá unha nova edición en 2026 e que xa permitiu que 400 galegos e galegas volvesen a Galicia cun emprego por conta allea acorde coas necesidades do tecido produtivo.

Loading...