O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, e a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, visitaron hoxe as instalacións de Cultivo Gallego no municipio pontevedrés de Portas

Salientaron este proxecto de agricultura biointensiva dun emprendedor mozo como exemplo de emprendemento rural ligado ao territorio e a aposta do Goberno galego a prol das oportunidades profesionais da mocidade

Lembraron que o Goberno galego traballa na futura Estratexia de emprendemento ligado ao territorio e que no 2026 se consolidará o apoio ás persoas autónomas cunha nova convocatoria unificada de axudas dotada con preto de 41 M€

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, e a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, visitaron hoxe no municipio pontevedrés de Portas as instalacións de Cultivo Gallego, un proxecto de agricultura biointensiva dun emprendedor mozo asesorado na Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego da Xunta de Galicia. En compañía tamén do alcalde de Portas, Ricardo Martínez, destacaron esta iniciativa como exemplo de emprendemento rural ligado ao territorio e a aposta do Goberno galego a prol das oportunidades profesionais da mocidade, tanto por conta propia, como neste caso, como por conta allea.

Nesta liña, os representantes da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración subliñaron o papel da Rede de polos, que leva atendido máis de 1.550 proxectos na provincia de Pontevedra —a través das oficinas de Silleda, O Porriño e Vilanova de Arousa—. Deles, un 40 % son de persoas menores de 40 anos. Ademais, o labor destes Polos contribuíu á creación de máis dun cento de empresas. Tamén puxeron de relevo o proxecto Fixar, impulsado polo Executivo autonómico en colaboración coa Asociación Cultural Sende co fin de atraer nómades dixitais ao rural galego e fixar poboación, sobre todo de persoas mozas, e que implica os coliving de Sende (Lobeira), Anceu, (Ponte Caldelas) e iSlow (Laxe).

Outros apoios aos que fixeron referencia son a futura Estratexia de emprendemento ligado ao territorio na que traballa a Xunta para fortalecer en Galicia un ecosistema no que emprender sexa máis doado, seguro e atractivo; así como a orde unificada de axudas para persoas autónomas, que volverá convocarse en 2026 cun orzamento próximo aos 41 M€. Unha das novidades que incluirá esta orde é o reforzo do apoio ás persoas autónomas que se inicien en actividades vinculadas á agricultura, á gandaría ou á silvicultura. Para elas, a cota cero para novos autónomos durante 12 meses estenderase ata os 24.

Cultivo Galego

En relación a Cultivo Gallego, Pablo Fernández e Marta Mariño tamén destacaron a súa aposta pola agricultura sostible e local, así como a súa colaboración con cooperativas da zona como, por exemplo, A Milpa do Salnés, co fin de sacar máximo aproveitamento á produción agrícola. Neste sentido, este negocio dedícase a producir alimentos frescos, saudables e de tempada a través do cultivo biointensivo e respectuoso co medio ambiente, combinando técnicas ancestrais e innovación.

 

Loading...