A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, destacou hoxe que se están a valorar as iniciativas recibidas para acceder á aceleradora de economía social Xunta Impulsa, que se desenvolverá no Polo de emprendemento de Vilanova de Arousa e que está dirixida á formación e asesoramento de dez proxectos de economía social, participantes nun programa formativo complementado con sesións de mentoría especializada. Unha aceleradora enmarcada no proxecto transfronteirizo ES-Factory, de cooperación Galicia–Norte de Portugal e cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do programa Interreg VI A España – Portugal (POCTEP) 2021-2027.
Así o dixo a directora xeral na clausura do Encontro do Observatorio ES-Factory para a cooperación Galicia–Portugal: gobernanza, igualdade e territorio en clave transfronteriza. Un encontro que avaliou propostas para retos compartidos polas dúas rexións no eido da economía social, arredor de tres grupos de traballo diferentes que versaron sobre igualdade de xénero, sobre as posibilidades que ofrecen as zonas rurais de baixa densidade e sobre a gobernanza e cooperación transfronteriza.