José González insistiu na necesidade dun procedemento áxil de homologación —coordinado entre a Xunta, as universidades e o Ministerio— para os beneficiarios das BEME, que xa se reclamara por carta o pasado outubro en liña co que recomenda a UE

O conselleiro definiu as BEME como “un enorme capital de talento” e lamentou que hoxe as homologacións dos títulos universitarios poden dilatarse ata 5 anos, trabando polo tanto o acceso dos bolseiros a empregos do nivel da súa cualificación

Sinalando a necesidade de corrixir canto antes estas disfuncións burocráticas, demandou unha maior coordinación, con criterios públicos e unificados para a aceleración de expedientes e medidas específicas dentro dunha vía áxil para os BEME

Galicia aspira a consensuar un modelo español de recoñecemento de cualificacións de boas prácticas, do que poidan terminar beneficiándose non só os bolseiros BEME senón calquera persoa estranxeira con residencia legal que precise esta homologación

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, mantivo hoxe en Madrid un encontro de traballo co secretario xeral de Universidades, Francisco García, no que insistiu na necesidade de establecer unha vía específica e áxil —coordinada entre a Xunta, as universidades públicas galegas e o Ministerio— que permita acelerar o proceso de recoñecemento das titulacións universitarias das persoas beneficiarias das Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME) co gallo de garantir o seu acceso a traballos acordes á súa formación. Nesa liña, José González urxiu un calendario para a implantación e revisión deste procedemento aliñado coas recomendacións europeas e novas ferramentas coma a creación dunha unidade de coordinación coa Xunta para casos prioritarios. Conseguir axilizar este procedemento —destacou— entra dentro do modelo propio de atracción planificada de talento que defende Galicia e, polo tanto, o obxectivo é que, partindo do caso específico dos BEME, poida estenderse a todas as persoas traballadoras que precisen esta homologación.

No marco do encontro, no que tamén participou o subdirector xeral de Títulos e Ordenación Universitaria do Ministerio, Luis Hernández, o conselleiro apuntou que a Xunta ten deseñada unha folla de ruta para sumar talento cun eixe prioritario na diáspora galega dentro da Estratexia Galicia Retorna 2023-2026 como complemento á forza laboral interna coa que xa conta Galicia, pero que non pode desenvolvela por completo sen a implicación do Goberno central en cuestións que son da súa competencia. Recordando a carta enviada en outubro —en coordinación coa Consellería de Educación e coas tres universidades públicas galegas— e que onte mesmo se aprobou en Consello a convocatoria de 2026 con 250 novas bolsas BEME por 2,55 M€, González avogou por reducir burocracia, por unificar criterios e por garantir seguridade xurídica, en liña coas recomendacións da UE que instan aos estados membros a axilizar o recoñecemento de cualificacións profesionais estranxeiras como vía para favorecer a integración laboral, a mobilidade e a competitividade económica.

Sinalando que este proceso pode hoxe dilatarse no tempo ata 5 anos, o conselleiro remarcou a necesidade de abordar unha cuestión que está a trabar a incorporación con plenas garantías dos bolseiros BEME ao mercado laboral galego. González definiu as BEME como “un enorme capital de talento” para o noso tecido produtivo, lembrando que a idade media dos beneficiarios é de 29 anos, proceden de máis de 40 países e ata un 80 % teñen a vontade de incorporarse ao mercado laboral galego, atopando uns atrancos burocráticos que dificultan o seu acceso a empregos do nivel da súa cualificación.

Proposta de Galicia

Na xuntanza de hoxe, o conselleiro demandou unha mesa técnica permanente entre Ministerio, comunidades autónomas e universidades, criterios públicos e unificados para a aceleración de expedientes e un seguimento trimestral dos avances acordados. No marco da vía específica para titulados BEME, urxiu un calendario para revisar e actualizar o sistema de homologación, a creación dunha unidade de coordinación coa Xunta para casos prioritarios ou a participación das universidades galegas nun piloto nacional de avaliación áxil.

Neste contexto, solicitou a celebración dunha nova xuntanza de traballo entre a Xunta — xunto cos reitores das tres universidades públicas galegas— e a ministra de Ciencia, Innovación e Universidades, co fin de avanzar de forma conxunta no deseño e posta en marcha de solucións eficaces para esta cuestión que considera prioritaria. Todo co obxecto de acadar —dixo— un acordo para presentar á UE un modelo español de recoñecemento de cualificacións de boas prácticas. Este modelo —sinalou— ademais de facilitar a inserción laboral plena dos galegos e galegas do exterior tamén beneficiaría persoas estranxeiras con residencia legal en Galicia que precisen homologar os seus títulos, tendo en conta a alta demanda de perfís cualificados por parte do mercado laboral.

 

Loading...