José González avanzou que no marco do foro se asinará un compromiso de coordinación entre todas as entidades público-privadas que están asesorando o emprendemento en Galicia, co obxectivo de reforzar a actividade que fixa poboación

Ademais, presentaranse as liñas mestras da Estratexia de emprendemento ligado ao territorio, con base nesa rede de apoio ao ecosistema emprendedor

Como broche ao recoñecemento a Galicia como Rexión Emprendedora 2025, o mosteiro ourensán de Santo Estevo de Ribas de Sil reunirá 60 referentes nacionais e internacionais, 30 empresas tractoras e 150 representantes do emprendemento

Con tres eixes estratéxicos (agro-mar, recursos naturais e comercio-turismo) e tres espazos para o debate (emprendemento, innovación e Galicia Rexión Emprendedora), o prazo para inscribirse aínda está aberto, na web ultreiagalicia.com

 

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, presentou hoxe os detalles do encontro de emprendemento Ultreia Galicia, un foro que persegue poñer en valor e impulsar o emprendemento ligado ao territorio e que terá lugar os vindeiros 27 e 28 de novembro na Ribeira Sacra. Con tres eixes estratéxicos (agro-mar, recursos naturais e comercio-turismo) e tres espazos para o debate (emprendemento, innovación e Galicia Rexión Emprendedora), destacou que a cita acollerá a sinatura dun compromiso de coordinación entre todas as entidades público-privadas que están asesorando o emprendemento en Galicia e a presentación das liñas mestras da futura Estratexia de emprendemento ligado ao territorio, con base nesa rede de apoio ao ecosistema emprendedor.

Como broche ao recoñecemento a Galicia como Rexión Emprendedora Europea 2025, González destacou que no mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil —no concello ourensán de Nogueira de Ramuín— se reunirán 60 referentes nacionais e internacionais, 30 empresas tractoras e 150 participantes do ecosistema emprendedor para conectar iniciativas galegas con outras europeas e dar a coñecer a nosa capacidade para innovar desde o local. O 27 de novembro, un grupo de participantes de distintas rexións europeas participará en experiencias inmersivas no territorio e que conectan emprendemento, patrimonio e cultura galega. Xa o 28, será a xornada do congreso, con máis de 20 mesas e relatorios con expertos, empresas líderes, proxectos inspiradores e institucións, incluídos representantes autonómicos.

No marco do eixe institucional Galicia Rexión Emprendedora 2025, conmemoraranse os 20 anos do observatorio internacional GEM (Global Entrepreneurship Monitor) en Galicia coa presentación do Informe Especial GEM Galicia 2024-2025. Tamén haberá unha mesa redonda sobre emprendemento xuvenil, outra para o intercambio de experiencias entre as Rexións Emprendedoras Europeas 2025 (Galicia, Krapina-Zagorje e Mazovia) coa presenza de Nadim Ahmad, director adxunto do Centro de Emprendemento e PEME da OCDE; un concurso da Rede de polos que premiará o mellor proxecto dos 15 centros e un espazo para o proxecto Fixar da Xunta que busca atraer nómades dixitais ao rural.

O apartado de emprendemento será un espazo de emprendedores, empresas, investidores e entidades comprometidas co desenvolvemento sostible do territorio. Abranguerá mesas de debate centradas nos tres sectores estratéxicos de emprendemento ligado ao territorio (agro-mar, recursos naturais e comercio-turismo) e nelas analizaranse ferramentas existentes en Galicia para impulsar o emprendemento, a colaboración empresarial como motor de desenvolvemento e as oportunidades de financiamento para empresas emerxentes. Mentres, a sala de innovación albergará casos de éxito e historias de innovación de empresas. Ademais, debaterase sobre o papel das empresas tractoras arraigadas no territorio e que medran desde el.

O titular de Emprego animou ás persoas interesadas a inscribirse de xeito gratuíto na web www.ultreiagalicia.com, sinalando que se quere consolidar Ultreia Galicia como un foro de referencia en emprendemento sostible, reforzando o ecosistema emprendedor galego, xerando oportunidades de investimento e abrindo novas vías de colaboración.

 

Loading...