A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, interviu na Feira do Sector Primario, organizada por AJE Ferrolterra, unha cita á que asistiu a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros. Alí a directora xeral puxo de relevo o papel do sector primario no pulo do cooperativismo que xera emprego ligado ao territorio. Neste ámbito, lembrou que, o Goberno galego está a tramitar da man do sector o anteproxecto da nova Lei de Cooperativas de Galicia, coa previsión de contar cun texto definitivo no primeiro trimestre de 2026. Esta futura lei facilitará a creación e consolidación de cooperativas, impulsará o Rexistro Autonómico e adaptará o marco regulador ás novas necesidades da economía social, na que se enmarca o cooperativismo.

Marta Mariño tamén puxo de relevo o cooperativismo como motor de emprendemento, ámbito no que o Goberno galego pon a disposición das persoas que queren facer realidade unha idea de negocio distintas medidas e ferramentas como a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego, que conta cunha oficina en Ferrol, que desempeña un importante apoio para as persoas emprendedoras da comarca con preto de 870 proxectos atendidos e que iniciou recentemente unha nova etapa na sede da Cámara de Comercio da Coruña na cidade ferrolá.

Loading...