José González puxo en valor o Pazo Vista Real como punto de referencia para o impulso laboral, empresarial e social da comarca do Salnés, onde se sitúan o CDL e unha das 15 oficinas da Rede de polos autonómica, inaugurada en 2024
Sinalou que este espazo exemplifica a necesaria coordinación entre administracións e o valor das sinerxías entre o emprego por conta propia e allea, lembrando que o CDL é ademais centro homologado da Xunta para impartir certificados profesionais
Anunciou que o Goberno galego porá en marcha neste espazo a aceleradora de economía social Xunta Impulsa, enmarcada no proxecto ES-Factory e dirixida á formación e mentoría de dez iniciativas de economía social
Resaltou que en 2026 a Xunta continuará avanzando na especialización da Rede de polos e no reforzo do colectivo autónomo, incluíndo novidades como dous anos de cota cero para novas actividades vinculadas á agricultura, gandaría e silvicultura
Convidou á participación no foro Ultreia Galicia, que terá lugar os días 27 e 28 de novembro na Ribeira Sacra, no marco do recoñecemento de Galicia como Rexión Emprendedora Europea
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, reafirmou hoxe en Vilanova de Arousa a importancia da colaboración institucional e do aproveitamento de sinerxías para fortalecer o ecosistema emprendedor galego e seguir consolidando Galicia como referente neste ámbito. Fíxoo no marco do décimo aniversario do evento 10 anos creando emprego, formación e emprendemento, organizado polo Centro de Desenvolvemento Local (CDL) de Vilanova de Arousa e no que tamén estivo presente o alcalde do municipio, Gonzalo Durán. Alí puxo en valor este espazo, situado no Pazo Vista Real, como punto de referencia para o impulso laboral, empresarial e social da comarca do Salnés e en cuxo edificio tamén se atopa o Polo de emprendemento de Vilanova, unha das 15 oficinas despregadas pola Xunta en todo o territorio para asesorar e apoiar a persoas interesadas en poñer en marcha ou consolidar unha iniciativa empresarial. Durante o seu primeiro ano de funcionamento —foi inaugurado en novembro de 2024— este Polo atendeu xa 250 proxectos, no marco dos máis de 5.100 asesorados en toda Galicia.
O responsable autonómico puxo de manifesto que a coexistencia do CDL e do Polo exemplifica a necesaria cooperación de esforzos entre administracións e o valor das sinerxías entre o emprego por conta allea e o autoemprego. Ademais, o CDL é centro homologado pola Xunta para impartir certificacións profesionais, entre elas as dirixidas a persoas desempregadas no marco da orde AFD, polo é motor de novas oportunidades profesionais en liña coas necesidades da contorna.
Durante o acto, José González tamén anunciou a posta en marcha dunha nova iniciativa neste espazo: a aceleradora de economía social Xunta Impulsa, enmarcada no proxecto transfronteirizo ES-Factory, de cooperación Galicia–Norte de Portugal e financiado polo programa POCTEP. A aceleradora está dirixida á formación e asesoramento de dez proxectos de economía social, que participarán nun programa formativo e en sesións de mentoría especializada. As persoas e entidades interesadas poderán presentar a súa candidatura ata o 3 de decembro.

Pulo ao emprendemento
O conselleiro puxo o foco na importancia de seguir reforzando a vocación emprendedora da comunidade e referiuse ás liñas de actuación previstas para 2026 no ámbito do emprendemento, sinalando que a Xunta avanzará na especialización dos Polos de emprendemento en función dos sectores tractores de cada comarca, co obxectivo de favorecer a identificación de oportunidades empresariais e facilitar a continuidade de negocios e a remuda xeracional. Avanzou tamén que se aprobará a nova Lei de Cooperativas de Galicia, coa que se pretende visibilizar esta fórmula como alternativa viable e útil para a creación de proxectos en sectores estratéxicos, e que se porán en marcha os Bonos Emprendemento para apoiar iniciativas consideradas clave no territorio. Así mesmo, destacou o reforzo do apoio ao colectivo autónomo, que como novidade incluirá dúas anualidades de cota cero para novas actividades vinculadas á agricultura, gandaría e silvicultura, así como o incremento do investimento no Bono Remuda, que ascenderá ata 1,5 millóns de euros para favorecer a continuidade de negocios activos.
Finalmente, José González convidou á participación no próximo foro Ultreia Galicia, que se celebrará os días 27 e 28 de novembro na Ribeira Sacra no marco do recoñecemento de Galicia como Rexión Emprendedora Europea. Indicou que se trata dun encontro destinado a conectar o ecosistema emprendedor galego con referentes nacionais e internacionais, no que participarán arredor de 60 persoas expertas, 30 empresas tractoras e 150 integrantes do tecido emprendedor, e sinalou que o prazo de inscrición permanece aberto.