A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, xunto coa directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, participou hoxe no acto de presentación da terceira edición do congreso Modiña, que se celebrará os vindeiros días 20 e 21 de novembro na Coruña co apoio da Xunta de Galicia.
Marta Mariño destacou o talento e o carácter innovador do sector téxtil e da moda en Galicia, así como a vocación emprendedora que caracteriza este ámbito creativo. Sinalou que encontros como Modiña, organizado por Galicia de Moda e Diesemm, contribúen a fortalecer o ecosistema da moda galega, favorecendo a creación de sinerxías e dando visibilidade ao talento emerxente. A directora xeral subliñou ademais a relevancia destas iniciativas para atraer talento, promover a competitividade e impulsar novos proxectos empresariais. Nese sentido, puxo en valor o labor da Rede de polos de emprendemento da Xunta, que ofrece acompañamento e asesoramento a iniciativas empresariais e contribúe ao desenvolvemento de sectores clave como o téxtil e o da moda en Galicia.