A delegada da Xunta informou que dos cursos do 2025, 19 en total, 3 xa están finalizados, 5 impartíndose nestes momentos e 11 aprobados para iniciarse e rematar no 2026, abranguen unha ampla variedade de áreas profesionais

A representante do Goberno autonómico subliñou que este tipo de centros son unha peza fundamental nas políticas activas de emprego da Xunta, porque permiten axustar a formación ás necesidades reais do tecido produtivo galego e abrir novas oportunidades laborais

A delegada da Xunta, Belén do Campo, acompañada polo director territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, José Couce, visitou hoxe o Centro de Formación para o Emprego de Santiago, onde puxo en valor o labor que desenvolve este espazo formativo da Xunta como referente na mellora da empregabilidade e da cualificación profesional das persoas traballadoras e desempregadas da comarca.

A representante do Goberno autonómico estivo acompañada polo equipo directivo e o persoal docente do centro, que lle explicaron o funcionamento das distintas accións formativas que se están a desenvolver.

Belén do Campo visitou aos alumnos dos cinco cursos que se están a impartir nestes momentos, de actividades auxiliares de conservación e mellora de montes, de aplicación de vernices e lacas en elementos de carpintaría e moble, de instalacións de mobles, de control e protección do medio natural e de traballos de carpintaría e moble, no que se están a formar a 61 persoas, os cursos teñén unha duración de entre 3 e 6 meses. A media de idade dos participantes é ao redor dos 30 anos e a formación teórica e práctica do centro complétanse con colaboracións con empresas.

Programación

O centro ofrece unha ampla programación de formación profesional para o emprego, dirixida tanto a persoas en situación de desemprego como a traballadoras e traballadores en activo. As súas instalacións contan con talleres e laboratorios especializados en carpintaría, mecanizado, xardinaría, forestal e agricultura, ademais de invernadoiros e espazos exteriores para prácticas.

Dos cursos previstos para este 2025 no Centro de Formación para o Emprego de Santiago, 19 en total, 3 xa están finalizados, 5 impartíndose nestes momentos e 11 aprobados para iniciarse e rematar no ano 2026, e contaron cunha achega da Xunta de preto de 500.000 euros. A oferta do centro abrangue unha ampla variedade de áreas profesionais. A programación céntrase especialmente nos ámbitos da carpintaría e o moble, coa formación en instalación de mobles e aplicación de vernices e lacas; no sector forestal e medioambiental, con accións sobre aproveitamentos forestais, conservación e mellora de montes, traballos con motoserra e en altura, así como control e protección do medio natural; e no eido da xardinaría e agricultura, con cursos de viveiros, instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes, e agricultura ecolóxica. Ademais, complétase con formación en turismo e educación —como promoción turística, interpretación e educación ambiental e habilitacións para a docencia de FP—, trátase dunha oferta práctica e especializada orientada á inserción laboral e á mellora das competencias profesionais.

A delegada destacou que este tipo de centros “son unha peza fundamental nas políticas activas de emprego da Xunta, porque permiten axustar a formación ás necesidades reais do tecido produtivo galego e abrir novas oportunidades laborais a centos de persoas cada ano”.

Neste sentido, subliñou o esforzo da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración por impulsar a innovación na formación profesional, tomando como referencia as necesidades formativas detectadas no sector a través dos contactos establecidos cos axentes sociais e coas asociacións e empresas do territorio.

Así mesmo, fixo fincapé no esforzo deste centro de colaboración coas empresas, promovendo a transferencia de coñecemento para mellorar tanto a competitividade das compañías galegas como a inserción laboral do alumnado de formación profesional.

Ademais, Belén do Campo destacou o compromiso do CIFP Santiago por impulsar o emprendemento, mediante actividades complementarias de asesoría para o autoemprego e a difusión dos viveiros de emprego existentes nos centros integrados, co obxectivo de apoiar novas iniciativas empresariais e consolidar proxectos no ámbito local.

Actuacións de mellora

Durante a visita, a delegada destacou tamén as recentes actuacións de mellora e modernización das instalacións e do equipamento do centro, co obxectivo de ofrecer unha formación máis avanzada, eficiente e adaptada ás necesidades actuais.

Deste xeito, completáronse as seguintes actuacións: adquisición e instalación de varias pantallas interactivas para as aulas de formación; conexión á rede de ordenadores da nave de talleres e laboratorio; e solicitude de ampliación da cobertura wifi á nave de talleres.

En materia de obras e servizos, leváronse a cabo a substitución da cuberta da nave de talleres, a substitución da cuberta da nave principal de aulas e talleres, a sinalización interior e exterior das instalacións e a climatización do laboratorio e da aula anexa.

No referente ao equipamento de dotacións non dixitais, incorporáronse un aspirador de fumes de soldadura, unha estufa de electrodos para soldadura, cubetos de retención para líquidos, un GPS centimétrico, equipamento de taller de vernizado, unha desbrozadora de martelos, un cabinado de tractor agrícola, aspiradores de taller, maquinaria eléctrica de forestal e xardinaría e ferramenta de talleres. Estas actuacións permitiron modernizar as instalacións e mellorar as condicións de aprendizaxe, ofrecendo ao alumnado un entorno actualizado eadaptado ás tecnoloxías actuais do mercado laboral.

Compromiso coa formación de calidade

Finalmente, a delegada agradeceu o traballo do profesorado e do persoal técnico do centro, que “fan posible que Galicia conte cun sistema público de formación de calidade, moderno e próximo á realidade do emprego”, e reiterou que o Goberno galego seguirá apostando pola formación como ferramenta clave para o crecemento económico e a creación de oportunidades laborais en toda a comunidade.

Loading...