Púxoo de relevo hoxe en Vigo o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, aproveitando o acto de presentación da Certificación de Benestar Laboral impulsada por Aenor e a Fundación Mundial da Felicidade

Tamén destacou que a próxima edición do pioneiro programa de asesoramento Responsabilízate co que a Xunta persegue a implantación da sustentabilidade en pemes e microempresas reforzará a súa aposta polo benestar laboral

Posteriormente, o secretario xeral —acompañado pola delegada territorial da Xunta en Vigo— participou no acto de entrega do IX Premio Peme do Ano Pontevedra 2025, impulsado pola Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, puxo hoxe de relevo que o Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar o decreto que regula a Certificación Galega de Excelencia en Igualdade e o Rexistro de empresas e entidades do terceiro sector —estas últimas, organizacións privadas sen ánimo de lucro— recoñecidas con este distintivo. Así o dixo en Vigo, aproveitando o acto de presentación da Certificación de Benestar Laboral impulsada por Aenor e a Fundación Mundial da Felicidade, onde tamén lembrou que a Xunta apoia este tipo de certificacións no marco da orde de axudas para implantar a igualdade laboral, a conciliación e a Responsabilidad Social Empresarial. Unha orde que se consolidará en 2026 dirixida a empresas que teñan cando menos un centro de traballo en Galicia e un mínimo de cinco persoas traballadoras dadas de alta.

Na súa intervención, Fernández tamén destacou que o programa Responsabilízate co que a Xunta persegue a implantación da sustentabilidade en pemes e microempresas reforzará na súa próxima edición a súa aposta polo benestar laboral. Engadiu que xa se teñen beneficiado case 700 empresas desta iniciativa pioneira en España de asesoramento personalizado e gratuíto a prol da sustentabilidade, pertencentes a eidos laborais como a construción, a asesoría, os sectores primarios, as TIC ou o turismo.

IX Premio Peme do Ano Pontevedra 2025

Posteriormente, o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, acompañado pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, participou no acto de entrega do IX Premio Peme do Ano Pontevedra 2025, impulsado pola Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa. Alí, encargouse de entregar o áccesit á internacionalización e, posteriormente, interveu na clausura do evento, poñendo en valor todas as persoas galardoadas e a súa aposta por dinamizar o emprendemento e a economía na provincia de Pontevedra.

A maiores, Fernández recoñeceu o labor da Cámara pontevedresa non só á hora de representar, promover e defender o comercio ou a industria da provincia, senón tamén prestando ás empresas unha ampla variedade de servizos co obxecto de axudalas a mellorar a súa competitividade.

Loading...