A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, participou esta mañá na apertura do evento que reúne a un total de 50 empresas e institucións
Manifestou o compromiso do Goberno galego con este tipo de iniciativas que “xeran emprego vinculado ao territorio, fixan poboación e fortalecen o tecido económico e social da nosa comunidade”
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou esta mañá no pavillón de Esteiro, en Ferrol, na apertura da III Feira da Empresa e o Talento, Festalent, que organiza o Campus Industrial co apoio da Xunta e que Aneiros cualificou de “referencia” á hora de conectar o mundo académico co tecido empresarial e industrial, tanto da comarca de Ferrolterra como de toda Galicia.
Na súa intervención, Aneiros felicitou ao Campus Industrial pola iniciativa que dixo, “representa á perfección o espírito que queremos impulsar desde a Xunta de Galicia: o da colaboración entre o sistema educativo e o sistema produtivo, o da innovación compartida e o da formación como motor de desenvolvemento e de futuro”.
A representante da Xunta manifestou o compromiso do Goberno galego de seguir apoiando este tipo de iniciativas que “xeran emprego vinculado ao territorio, fixan poboación e fortalecen o tecido económico e social da nosa comunidade”, asegurou.
A Feira de Empresas e Talento, Festalent, reúne durante toda a xornada de hoxe no pavillón municipal de Esteiro a un total de 50 empresas e institucións coa finalidade de tecer pontes de contacto co alumnado universitario e de FP que está a buscar a súa primeira oportunidade laboral. Os asistentes poderán participar en actividades que faciliten a súa transición ao mercado de traballo, interactuando directamente con líderes nos diferentes sectores e presentando o seu talento en entrevistas rápidas.
Como broche final á xornada, o enxeñeiro e CEO da escola de desenvolvemento persoal Productividad Feroz, Miguel Navarro, impartirá unha masterclass sobre estratexias para lograr obxectivos de forma máis eficiente e diferenciarse nun mundo laboral cada vez máis competitivo. Será a partir das 18,30 horas no salón de actos Concepción Arenal.
