A delegada territorial de Ferrol participou esta mañá no acto inaugural desta iniciativa que reúne ente hoxe e mañá nas instalacións do colexio profesional a distintas voces especializadas neste ámbito
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou esta mañá na inauguración do III Seminario de Dereito Laboral e Seguridade Social organizado polo Colexio de Avogados de Ferrol do que destacou súa a aposta pola formación continuada dos profesionais a través de eventos coma este que cualificou como “un espazo indispensable para reflexionar, compartir coñecemento e reforzar a seguridade xurídica que require o mercado de traballo”.
A delegada territorial destacou o dereito laboral como unha especialidade en permanente evolución xa que “a sucesión de reformas, cambios normativos e adaptacións ás novas realidades sociais e económicas obrigan a unha actualización constante”, asegurou.
Durante a súa intervención, tamén aproveitou para reiterar o compromiso do Goberno galego coa saúde das persoas traballadoras e a prevención de riscos laborais coa posta en marcha da Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia Horizonte 2027 dotada con 56 M€.
Destacou ademais o traballo que se está a realizar dentro do Diálogo Social para abordar o reto do absentismo laboral inxustificado, sinalando que se trata dunha cuestión que esixe reflexión, coordinación e respostas compartidas que blinden os dereitos lexítimos dos traballadores, “avanzando nunha metodoloxía que nos posibilite identificar e desagregar as ausencias inxustificadas que poidan estar detrás deste alto índice”, dixo.