O alumnado combinou a formación teórica con traballo efectivo, realizando proxectos de mellora das infraestruturas municipais dos concellos organizadores
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, participou esta mañá na clausura do programa de emprego de garantía xuvenil Xóvenes Moraña-Portas-Valga I no concello de Moraña.
O programa, que tivo unha duración de preto dun ano, contou cun financiamento da Xunta de preto de 440.000 euros que permitiu que 16 mozos e mozas se formasen de forma teórica e práctica nas especialidades de forestais e albanelaría.
O delegado destacou na súa intervención o “bo traballo realizado nos tres concellos”, onde os participantes traballaron na mellora de varias infraestruturas municipais. Lembrou que esta iniciativa conta cunha gran taxa de empregabilidade, tendo en conta que “é habitual que un bo número de alumnos e alumnas consigan unha oportunidade laboral antes incluso de rematar a súa formación”.
Reguera rematou incentivando a todos os mozos e mozas que contemplen o emprendemento como unha opción de futuro a achegarse a un dos 15 Polos de emprendemento que a Xunta ten por todo o territorio galego.
Obradoiros de emprego duais
Cabe destacar que Valga, Moraña e Portas organizaron tamén un obradoiro de emprego dual que rematou hai unhas semanas e que involucrou a 20 persoas desempregadas. Esta modalidade de obradoiro tamén combina a formación teórica con traballos que se desenvolven nos propios concellos. Así, esta iniciativa contou cun investimento por parte da Xunta de preto de 420.000 euros.