Esta medida estará dotada con 1 M€ coa previsión de chegar a uns 50 aprendices e complementará ao programa formativo Aprender da tradición. Oficios e técnicas
José González puxo en valor o oficio da carpintería de ribeira, que require dun proceso artesanal minucioso e dun coñecemento rigoroso da materia e no que Galicia é referente grazas ao saber facer dos seus profesionais e ao papel de Agalcari
Subliñou a importancia de visibilizar esta actividade con accións como os encontros de embarcacións tradicionais, que enxalzan o patrimonio cultural da gran variedade de embarcacións tradicionais de Galicia e que contan co apoio do Goberno galego
Reafirmou o compromiso do Executivo autonómico cos oficios artesáns e coa artesanía como motor económico no rural, a través da Fundación Artesanía de Galicia e reflectido no Plan Estratéxico do Comercio 2025-2030
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, destacou hoxe que o Goberno galego potenciará o vindeiro ano a formación en oficios tradicionais cunhas futuras bolsas para aprendices que permitirán a transmisión do saber artesán ás novas xeracións. Estarán dotadas con 1 M€ coa previsión de chegar a uns 50 aprendices. Trátase dunha iniciativa da Fundación Artesanía de Galicia que complementará ao programa formativo Aprender da tradición. Oficios e técnicas e que concorda coa aposta do Goberno galego por unha formación flexible a prol da remuda xeracional en eidos como a artesanía.
Así o expuxo José González na visita ás instalacións de Astilleros Catoira, en Rianxo, onde estivo acompañado pola xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro. Alí o conselleiro tamén puxo en valor este obradoiro de construción de embarcacións en madeira e o oficio da carpintería de ribeira, que require dun proceso artesanal minucioso e dun coñecemento rigoroso da materia.
Neste sentido, enxalzou o saber facer dos profesionais desta actividade, cheo de tradición e combinado coas vantaxes da innovación, e destacou o papel da Asociación Galega de Carpintería de Ribeira (Agalcari). Este patrimonio, subliñou, fai de Galicia un referente nesta actividade, que ten un gran potencial para a economía galega e que é sustentable e respectuosa co medio ambiente respondendo ás tendencias actuais de produción. De aí, engadiu, que se trate dun oficio tradicional con futuro, cuestión para a que a remuda xeracional é clave.
Por iso, expuxo o conselleiro, é importante visibilizar este oficio e neste eido son fundamentais accións como os encontros de embarcacións tradicionais, que se celebran cada dous anos nunha vila diferente da costa galega. Esta iniciativa pon en valor o patrimonio cultural da gran variedade de embarcacións tradicionais de Galicia e conta co apoio da Xunta.
Compromiso cos oficios artesanais
Este apoio forma parte da aposta do Executivo galego pola artesanía como motor económico no rural, como vertebrador do territorio e con potencial para o emprendemento. Un ámbito que o Goberno galego potencia con ferramentas como a Rede de polos, avogando pola especialización e atendendo aos sectores estratéxicos de cada contorna. A isto engádense as medidas para potenciar o talento interno e tamén para atraer talento externo co foco nas galegas e galegos do exterior que desexan retornar.
O compromiso con este sector materialízase fundamentalmente a través do labor da Fundación Artesanía de Galicia, que promove a marca Artesanía de Galicia como selo de calidade e identidade. Trátase dunha aposta que reflicte no Plan Estratéxico do Comercio 2025-2030, cun investimento de 320 M€ e con medidas específicas para fomentar a remuda xeracional e impulsar as novas vocacións no eido artesanal. Entre elas, as futuras bolsas de aprendices que promovan a remuda nos oficios artesanais.