O delegado territorial manifestou que os Polos constitúen unha das principais actuacións para impulsar o emprendemento no territorio como clave para crear actividade económica e fixar poboación

Manuel Pardo animou aos representantes da Fundación Secretariado Xitano a explorar a vía do emprego por conta propia como garante de desenvolvemento persoal e socioeconómico na contorna, apostando pola retención de talento en Galicia

O Polo de emprendemento do Carballiño atende unha área xeográfica de 31 concellos pertencentes ás comarcas do Carballiño, O Ribeiro e Ourense

Desde a súa posta en marcha, en marzo de 2023, desenvolveu 911 titorías que beneficiaron a 337 persoas

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, salientou o esforzo do Goberno galego a prol do emprendemento, ao que neste exercicio se destinan máis de 32 millóns de euros, e remarcou tamén o labor da Rede de polos, que conta con 15 oficinas distribuídas por toda a comunidade e ofrece, de forma gratuíta, asesoramento individualizado, atendendo ata o momento máis de 4.800 proxectos.

Así o fixo esta mañá na clausura dunha xornada informativa na Fundación Secretariado Xitano de Ourense impartida polo persoal técnico do Polo de emprendemento e apoio ao emprego do Carballiño, pertencente á Rede de polos da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.

Os Polos constitúen unha das principais actuacións da Xunta a prol do emprendemento, como xerador de actividade económica e emprego, ao tempo que contribúe a vertebrar o territorio e fixar poboación.

Por iso, Manuel Pardo animou aos representantes da Fundación Secretariado Xitano a explorar a vía do emprego por conta propia como garante de desenvolvemento persoal e socioeconómico na contorna, apostando pola retención de talento en Galicia, e remarcou que as políticas de apoio ao emprendemento son clave para o desenvolvemento económico e social de Galicia e, por iso, explicou que é tan importante explorar e saber aproveitar as oportunidades de negocio que ofrece a comunidade galega, apoiando ás persoas que estean dispostas a facelo.

O representante do Goberno galego insistiu na necesidade que atallan os Polos de emprendemento en canto á formación e información ás persoas emprendedoras que o precisen co fin de xerar máis emprego de calidade en Galicia, co foco posto no rural. A Rede de polos de emprendemento, polo tanto, – precisou o delegado territorial- busca dinamizar a economía local e fomentar a iniciativa emprendedora na comunidade. Neste senso, sinalou que o obxectivo da Xunta é xerar un ecosistema de apoio aos emprendedores a través de, entre outras medidas, os Polos que se configuran no rural e nas cabeceiras da comarca como o do Carballiño.

A Rede de polos, que leva atendidos máis de 4.800 proxectos en toda Galicia (15 Polos en total, dos cales 4 están emprazados na provincia de Ourense, O Carballiño, Baños de Molgas, Verín, O Barco de Valdeorras), traballa para impulsar e consolidar proxectos de emprendemento ligados ao territorio e poñer a disposición dos galegos e galegas todas as ferramentas necesarias para facilitar a posta en marcha dos seus propios negocios.

A través de titorizacións con profesionais de primeiro nivel, a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego acompaña e asesora ás persoas que desexan desenvolver os seus proxectos, utilizando una metodoloxía común validada e adaptada a cada iniciativa emprendedora.

Polo de emprendemento do Carballiño

O Polo de emprendemento do Carballiño atende unha área xeográfica de 31 concellos pertencentes ás comarcas do Carballiño, O Ribeiro e Ourense. Dende a súa posta en marcha, en marzo de 2023, desenvolveu 911 titorías que beneficiaron a 337 persoas.

Na actualidade están a traballar en 329 proxectos (na súa meirande parte en fase inicial); e teñen promovido 148 eventos e actividades de formación, cun perfil de persoas asesoradas maioritariamente comprendido entre 45 e 52 anos e cun significativo protagonismo feminino.

No que respecta a persoas emprendedoras retornadas, foron 32 as persoas asesoradas no primeiro semestre do presente ano e 26 as interesadas en proxectos de remuda xeracional.

Loading...