A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, participou hoxe no Saviñao nunha nova xuntanza do proxecto Fixar impulsado pola Xunta en colaboración coa Asociación Cultural Sende para atraer nómades dixitais ao rural galego e fixar poboación. Alí, puxo en valor as 80 persoas participantes na segunda edición da iniciativa, que protagonizarán estadías quincenais deica mediados do próximo mes de outubro nos espazos de coliving de Sende (Lobeira, Ourense), Anceu (Ponte Caldelas, Pontevedra) e iSlow (Laxe, A Coruña).
Marta Mariño destacou que o obxectivo do proxecto Fixar é fomentar o intercambio de experiencias e o desenvolvemento de ideas emprendedoras que contribúan á dinamización e vertebración do territorio. Fixo fincapé en que se trata dunha das múltiples actuacións incluídas na estratexia global de apoio ao emprendemento impulsada polo Goberno galego que neste exercicio mobilizará máis de 32 millóns de euros, cun foco especial no emprendemento vencellado ao territorio.