A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, participou esta mañá na Alianza Aresana na entrega de diplomas deste obradoiro de emprego

O itinerario formativo contou cun investimento da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración de preto de 412.000 euros

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou esta mañá na clausura do obradoiro de emprego dual Reinicia XI que promoven de maneira conxunta os concellos Ares, Mugardos e Fene, cun orzamento da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración de preto de 412.000 euros.

Un total de 18 alumnos concluíron a formación teórico-práctica que se impartiu nas especialidades de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais e de carpintería e moble, completando estes últimos a súa formación con diferentes actuacións de mellora das dotacións públicas, como a realización de mobiliario de oficina para as dependencias do Concello de Fene; mobiliario urbano para Mugardos, ou a construción de ventás para o mosteiro de Santa Catalina de Montefaro, de Ares entre outros.

A delegada territorial destacou a valía deste tipo de formación “polo seu carácter social e pola súa contribución a mellorar as oportunidades de empregabilidade dos participantes”. Ademais puxo os obradoiros duais como exemplo da colaboración entre a Xunta e os Concellos en materia de emprego.

Máis de 36 M€ na última convocatoria

O obradoiro Reinicia XI é un dos 87 obradoiros duais beneficiados das achegas autonómicas na convocatoria do ano pasado na que se investiron máis de 36 millóns de euros. No caso da provincia da Coruña, concedéronse 23 obradoiros duais que combinan formación e traballo.

Dentro destas accións, a Xunta subvenciona a posta en marcha e desenvolvemento do taller e os custos de contratación dos participantes e do persoal directivo, docente e de apoio. Priorízase a atención a persoas con especiais dificultades de inserción, como retornados, mulleres, vítimas de violencia de xénero e persoas con diversidade funcional e ponse o foco nos servizos sociais e comunitarios, na formación forestal ou na recuperación do patrimonio artístico, histórico cultural ou natural, entre outros.

Loading...