O delegado territorial, Javier Arias, participou na entrega de diplomas ás persoas participantes, que recibiron formación sobre xardinería, operacións de acabados ríxidos e urbanización, e atención a persoas dependentes

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou hoxe na entrega de diplomas ás persoas participantes no obradoiro de emprego Serra do Faro IX, que se desenvolveu durante o último ano en Chantada, Carballedo e Taboada.

Arias lembrou que a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración destinou 412.000 euros a financiar a actividade, na que 20 persoas alumnas-traballadoras recibiron formación teórica e práctica relacionada con instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes, operacións auxiliares de acabados ríxidos e urbanización, e atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións.

O delegado valorou os resultados dos obradoiros de emprego duais, “que melloran as competencias do alumnado en especialidades que presentan unha elevada demanda no mercado de traballo ao tempo que permiten un prestar un servizo público nos municipios que os acollen”.

En canto aos traballos que os participantes levaron a cabo, en Chantada acondicionaron miradoiros no paseo fluvial, crearon novas zonas axardinadas en espazos como a rúa do Comercio ou na área recreativa e deportiva do barrio de Marín, e colaboraron na atención sociosanitaria ás persoas dependentes no Fogar residencial e Centro de día da Barrela.

En Carballedo, rehabilitaron a casa reitoral de Santa Cristina de Asma e encargáronse do mantemento de xardíns e zonas verdes nos núcleos de Castro e A Barrela. No tocante a Taboada, acondicionaron un vial no núcleo urbano de Pacios e levaron a cabo o mantemento de zonas axardinadas na capitalidade do municipio, remodelando ademais de xeito integral dúas glorietas, unha na rúa Fenosa na súa intersección coa rúa Nova, e outra na rúa das Ínsuas na intersección coa rúa do Carballo.

Este taller ofrece a modalidade dual, o que supón que a Xunta concede incentivos para contratar a varios participantes en empresas da contorna para desempeñar funcións vinculadas ás ensinanzas impartidas. Estes contratos realízanse ao finalizar a actividade, cunha duración mínima de tres meses a xornada completa.

Loading...