José González destacou esta iniciativa da Asociación de empresas estibadoras de Vigo (Asemes) e da Asociación de profesionais de seguridade e saúde laboral de Galicia (Aprosal) sobre unha actividade que considerou fundamental dentro do naval

Salientou que se puxese en valor a formación continua, a prevención e promoción da saúde, o emprego das novas tecnoloxías e a coordinación de todos os axentes implicados como claves para mellorar a seguridade nas contornas portuarias

No marco da Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo: Horizonte 2027 e da Mesa técnica do naval, fixo fincapé nas campañas impulsadas pola Xunta, así como na formación, asesoramento técnico e accións de seguimento e control específicas

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, clausurou hoxe en Vigo a I Xornada de prevención e seguridade na estiba portuaria, onde cualificou esta actividade de fundamental para un sector, así mesmo, crucial para a nosa economía como é o naval. Nese senso, González apuntou á necesidade de atallar os riscos que comporta tanto a estiba como a desestiba, a nivel de seguridade, pero tamén de carácter ergonómico e psicosocial, ao tempo que puxo de relevo o labor da Xunta neste eido no marco da Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo: Horizonte 2027 e da Mesa técnica do naval.

Na súa intervención, o titular de Emprego felicitou primeiramente pola iniciativa á Asociación de empresas estibadoras de Vigo (Asemes) e á Asociación de profesionais de seguridade e saúde laboral de Galicia (Aprosal), destacando que reuniu expertos dos ámbitos portuario, xurídico, técnico, institucional e empresarial. Así, en distintas exposicións ou mesas redondas, falaron de formación continua, de prevención e promoción da saúde, do emprego das novas tecnoloxías ou da coordinación de todos os axentes implicados co obxectivo de mellorar a seguridade nas contornas portuarias.

No referido á Xunta de Galicia, o conselleiro puxo en valor o seu compromiso inequívoco coa seguridade e saúde no traballo, non só concienciando as empresas e persoas traballadoras, senón tamén con medidas concretas no marco da Mesa do naval e das súas respectivas comisións técnicas de prevención de riscos laborais. Nesa liña, salientou as campañas, formación, asesoramento técnico e accións de seguimento e control específicas impulsadas arredor dos riscos e sinistros máis frecuentes. Unhas actuacións ás que —aseverou— se dará continuidade pola súa relevancia no correcto desenvolvemento do sector naval.

Estratexia Horizonte 2027

Segundo destacou, todas estas accións estanse a desenvolver no marco da Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo: Horizonte 2027, consensuada cos axentes sociais e cuxo principal executor é o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga). Un documento estratéxico que contén unha liña específica dedicada a intensificar as actuacións dirixidas a sectores e actividades con riscos especiais ou elevada sinistralidade, como é o caso do naval.

Dentro desa folla de ruta, sinalou o titular de Emprego que se está a atender tanto aos riscos novos e emerxentes como aos tradicionais non totalmente resoltos, con accións que se consolidan ano tras ano pero tamén con outras que se seguirán desenvolvendo para atallar cuestións máis concretas que vaian xurdindo. A maiores, fixo alusión á adaptación aos retos que presentan as novas tecnoloxías ou a transición climática, con continuas avaliacións de riscos para adoptar as medidas que sexan necesarias.

Loading...