O delegado territorial, Javier Arias, entregou os diplomas ao alumnado participante no taller, financiado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración con 418.000 euros

A Xunta clausurou hoxe o obradoiro dual de emprego Terras do Miño-Ulla I, que se desenvolveu en Portomarín, Palas de Rei e Monterroso. A actividade foi financiada pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración con 418.000 euros e promovida polos concellos.

O taller dividiuse en dúas especialidades, unha de xardinería e outra de promoción turística. En total ofrecéronse 20 prazas de formación teórica e práctica dirixidas a persoas desempregadas da zona.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participou hoxe na entrega dos diplomas ás persoas participantes. Destacou que os obradoiros proporcionan cualificación profesional en sectores con boa saída laboral, polo que o alumnado “sae mellor preparado para afrontar o reto de atopar un emprego”.

Ademais, o taller realiza obras e servizos de interese local. Neste caso, centráronse no acondicionamento e mantemento de zonas verdes como o entorno da Casa do Maior e do centro de saúde en Portomarín; a área recreativa da Peneda e a contorna da Cúpula en Monterroso; así como Os Chacotes e o mercado gandeiro en Palas de Rei, entre outros. Tamén traballaron en moitos xardíns e prazas dos tres municipios.

En canto ao módulo de turismo e información ao visitante, algunhas das propostas foron a organización de xornadas de promoción turística; a creación dun blog; a sinalización de rutas e realización de percorridos por elas; o deseño de placas explicativas dos recursos patrimoniais da zona ou a elaboración e audioguías do Castelo de Pambre, entre outras.

Arias destacou que este obradoiro impartiuse na modalidade dual, o que supón que a Xunta concede incentivos para contratar a varios participantes en empresas da contorna para desempeñar funcións vinculadas ás ensinanzas impartidas. Estes contratos realízanse ao finalizar a actividade, cunha duración mínima de tres meses a xornada completa.

Loading...