José González explicou que o de Verín é un dos 11 puntos de atención dispoñibles en Ourense que ofrecen asistencia presencial co obxectivo de estar preto da cidadanía e garantir un apoio rápido, áxil e eficaz
Recordou que o Goberno autonómico vén de aprobar un completo paquete de medidas para impulsar, entre outros, a recuperación de vivendas, explotacións agrogandeiras, negocios, comercios e instalacións municipais
No caso de establecementos comerciais, industriais, turísticos e mercantís, puxo en valor a liña específica do Igape, que cobre ata o 100 % dos danos en edificacións, maquinaria, mercadorías ou vehículos
Ademais sinalou que, máis aló das medidas urxentes, se está a traballar en coordinación co tecido autónomo no deseño de futuras vías de axuda adaptadas á realidade de quen viu afectada a súa actividade
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, visitou hoxe a oficina habilitada en Verín para asesorar ás persoas afectadas polos incendios, onde puxo en valor que esta oficina é un dos 11 puntos de atención dispoñibles en Ourense que durante un mes ofrecerán asistencia presencial aos prexudicados polos lumes, co obxectivo de achegarse á cidadanía e garantir un apoio rápido, áxil e eficaz. Desde o pasado luns os técnicos da Xunta desprazados a este punto prestan asesoramento sobre as axudas dispoñibles, resolven dúbidas e facilitan toda a información precisa sobre a situación actual.
O conselleiro recordou que o Goberno autonómico vén de aprobar un completo paquete de medidas para impulsar a reconstrución das zonas afectadas pola vaga de incendios e que contemplan a recuperación de vivendas, explotacións agrogandeiras, negocios, comercios e instalacións municipais, entre outros ámbitos. Neste contexto, subliñou o esforzo da Xunta para que as liñas de apoio —abertas desde o pasado luns— non teñan límite orzamentario, co fin de garantir que todas as persoas afectadas que cumpran os requisitos poidan acceder ás axudas coa máxima celeridade. Así, fixo fincapé en que o Executivo galego está a responder con medidas concretas e traballo constante, ao tempo que remarcou a importancia de seguir contribuíndo a tarefas esenciais como a limpeza de franxas de protección e outras actuacións clave para previr futuros incendios.
Axudas específicas para empresas e autónomos
No caso de establecementos comerciais, industriais, turísticos e mercantís, González sinalou que a prioridade neste momento é atender os danos materiais e puxo en valor a liña específica do Igape, que cobre ata o 100 % dos danos en edificacións, maquinaria, mercadorías ou vehículos comerciais e industriais, conforme á valoración recollida nun informe de taxación, con axudas que poden chegar aos 600.000 euros e mesmo ampliarse ata os 1,5 millóns de euros nos casos nos que estea en risco o mantemento do emprego.
O conselleiro indicou tamén que, máis aló das medidas urxentes, a Xunta continúa traballando en coordinación co tecido autónomo para recoller as necesidades do sector —como se evidenciou na recente Mesa do Autónomo, convocada de forma extraordinaria— e deseñar novas liñas de axuda adaptadas á realidade de quen viu afectada a súa actividade polos incendios. Así mesmo, resaltou outras iniciativas do Goberno galego como o Escaparate Apoia o teu autónomo, que permitirá á sociedade coñecer e consumir directamente produtos e servizos ofrecidos por profesionais e pequenas empresas afectadas polos lumes.