O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, compareceu hoxe no Parlamento para facer balance destas axudas unificadas, poñendo de relevo que case se duplicou tamén o investimento con respecto ao ano pasado, roldando os 4 M€

Enmarcou estas achegas no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030, que establece 74 accións a levar a cabo cun investimento de 320 millóns de euros

Avanzou medidas novas a prol da modernización do sector como un plan de formación arredor dunha campus virtual do comercio galego que se porá en marcha en 2026

Animou aos establecementos a presentarse aos Premios do Comercio Galego 2025, con prazo aberto ata o 26 de setembro

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, respondeu hoxe na Comisión 6ª de Industria, Enerxía, Comercio e Turismo unha pregunta sobre o investimento da Xunta de Galicia en 2025 para apoiar a dixitalización, a innovación e a sustentabilidade no comercio e na artesanía mediante as axudas unificadas. En concreto, sinalou que case se duplicou o número de resolucións favorables e o investimento executado con respecto a 2024, en boa medida grazas á simplificación da tramitación, á fusión e á centralización das diferentes liñas de apoio.

En concreto, segundo destacou, a orde de impulso á dixitalización e á sostibilidade do comercio local e artesanal puxo a disposición este ano un orzamento de preto de 4 millóns de euros, beneficiando 664 comercios e 64 obradoiros inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia. Alén puxo de relevo que as axudas podían chegar a preto de 50.000 euros e ao 80% do investimento para a dixitalización e a innovación, para a mellora de locais, para a adquisición de equipamento, para a eficiencia enerxética e para a compra de material promocional apostando pola sustentabilidade ou, como novidade, para a elaboración de memorias técnicas de interiorismo.

O director xeral enmarcou estas achegas no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030, que establece 74 accións a levar a cabo cun investimento de 320 millóns de euros e que se distribúen en tres eixes fundamentais: o primeiro a prol da competitividade, o segundo para a dinamización comercial e o terceiro coa vontade de reforzar a cooperación interinstitucional a favor do comercio local.

Poñendo en valor accións como as máis de 600 campañas de dinamización apoiadas polo Goberno galego este ano a través de iniciativas como a de Merca no teu comercio que aínda segue viva en distintos puntos da Comunidade, o director xeral mirou ao futuro para avanzar outras propostas innovadoras como un plan de formación que se porá en marcha en 2026 arredor dunha plataforma ou campus virtual do comercio galego.

Así mesmo, animou aos establecementos a concorrer aos Premios do Comercio Galego 2025, con prazo aberto deica o 26 de setembro co gallo de poñer en valor o bo facer e entrega destes profesionais claves para a economía da nosa Comunidade.

Loading...