A delegada territorial da Xunta, Ana Ortiz, clausurou este mércores o curso Vigo Capacita X que conta cun investimento de 422.000 euros

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, clausurou este mércores o obradoiro de emprego de formato dual Vigo Capacita X, no que se ofreceu formación e traballo a 20 persoas desempregadas durante dez meses, e que conta cun investimento de 422.691 euros por parte da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.

A representante autonómica destacou que “este tipo de formacións van dirixidas a sectores específicos nos que hai demanda de traballadores, polo que se facilita a entrada do alumnado no mercado laboral”. Ortiz engadiu que o obradoiro ten como obxectivo “cubrir as demandas reais das empresas” da contorna. Ademais, sinalou que a Xunta investiu 3,9 millóns en 2025 para un total de dez cursos na área de Vigo.

No caso concreto de Vigo Capacita X, os participantes recibiron desde decembro de 2024 a setembro de 2025 formación nas especialidades de cociña e servizos de restauración, elaborando menús para o comedor social “La Sal de la Tierra”, almorzos saudables e xornadas de portas abertas para o alumnado do CEIP Valadares. Tamén recibiron formación en montaxe e mantemento de placas solares fotovoltoaicas.

Loading...