José González visitou primeiro a empresa Distribuciones Rivas, con dúas persoas contratadas a través da convocatoria deste ano do programa que busca reforzar o emprego xuvenil, cuxo orzamento se elevou ata os 6,7 M€ para beneficiar 685 mozos
No caso do Concello, puxo en valor o cento de persoas sen traballo formadas co PIE, as 20 do obradoiro dual, as 16 do programa de emprego xuvenil e as 15 que recibiron formación para desempregados no eido sociosanitario
O conselleiro avogou pola continuidade de todas estas iniciativas co gallo de seguir dando oportunidades —especialmente aos colectivos prioritarios— ao tempo que se atenden as necesidades de man de obra das empresas
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, estivo hoxe no Porriño, onde visitou unha empresa beneficiaria do programa de Primeira Experiencia Profesional e mantivo un encontro con representantes do Concello, coas persoas participantes e cos equipos técnicos tanto do Programa Integrado de Emprego (PIE), como do obradoiro dual, do programa de emprego xuvenil e das formacións para desempregados dos que se beneficiaron en total 150 persoas. Aproveitando as citas, o conselleiro puxo de relevo a implicación tanto das administracións locais como das empresas á hora de fomentar a empregabilidade en beneficio do tecido económico da nosa Comunidade.
Primeira Experiencia Profesional
Primeiramente, o conselleiro —xunto co secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández— visitou Distribuciones Rivas, empresa de distribución de produtos de limpeza e hixiene industrial que contratou dúas persoas menores de 30 anos grazas a unha axuda de 26.600 euros do programa que avoga por dotar a mocidade da súa primeira oportunidade laboral. Un programa —o de Primeira Experiencia Profesional— que, segundo lembrou, ampliou o seu orzamento en máis de 468.000 euros, acadando un investimento total de 6,7 M€ en 2025 para poder beneficiar 685 mozos e mozas.
González salientou que a iniciativa promove a contratación de menores de 30 anos con contratos formativos de doce meses, facilitando a súa inserción laboral e dotándoos das competencias necesarias para acceder a empregos estables e de calidade, co obxectivo de reter talento e dar resposta á crecente demanda de persoal cualificado. Sinalou que iniciativas coma esta contribúen a reducir o paro xuvenil, que vén de marcar a cifra máis baixa nun mes de agosto de toda a serie histórica (desde maio de 2005).
PIE, obradoiro dual e programa de emprego xuvenil
En segundo lugar, o conselleiro desprazouse ao acto de posta en valor das iniciativas a prol da empregabilidade desenvolvidas polo Concello do Porriño co apoio da Xunta, en compañía da directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, e coa presenza do alcalde do Porriño, Manuel Alejandro Lorenzo, que tamén estivo en Distribuciones Rivas. Trátase do programa integrado de emprego (PIE), do obradoiro dual, do programa de emprego xuvenil e das formacións para 15 persoas desempregadas no eido da atención sociosanitaria, que —contando coa colaboración do Concello— supuxo unha achega superior aos 1,2 millóns de euros. Unhas accións que, segundo dixo, permiten reducir o paro na provincia, sendo Pontevedra na que máis caeu o desemprego o mes pasado con respecto a hai un ano, acadando o mellor agosto da súa historia.
No caso do PIE, conta cunha axuda da Xunta de 220.000 euros para unha acción de doce meses cun cento de persoas desempregadas participantes, con especial atención a colectivos prioritarios e co obxectivo de acadar a inserción dun mínimo do 35 %. A formación transversal céntrase en reforzar as habilidades de busca de traballo ou para o autoemprego, con prospección de empresas para a realización de prácticas e canalización de ofertas laborais. Isto complétase con formacións específicas de interese para a contorna, neste caso, de xestión da cadea loxística ou de intelixencia artificial nos procesos de atención ao cliente.
Sobre o obradoiro dual, o conselleiro destacou que —grazas a unha achega autonómica de case 412.000 euros— as 20 persoas participantes en O Porriño humaniza recibiron cualificación profesional durante nove meses, ao tempo que desenvolveron un traballo remunerado (dez das persoas en tarefas de pintura e as outras dez en albanelería e urbanización). En concreto, renovaron as beirarrúas nunha das avenidas principais do polígono industrial da Granxa e levaron a cabo traballos de pintura en edificios e viarios municipais (Casa Consistorial, centro cultural, multiusos de Torneiros, etc.).
Canto ao programa de emprego de garantía xuvenil, O noso encontro co emprego é unha iniciativa con 16 participantes menores de 30 anos, oito delas na especialidade de albanelería/urbanización e outras oito na de carpintaría de madeira. Durante doce meses e grazas a unha axuda da Xunta de case 439.000 euros, formáronse e executaron traballos de carpintería para a reparación de tres pasarelas de madeira no paseo do Louro e para substituír pezas degradadas de madeira; así como traballos de albanelería de urbanización e pintura no polígono da Granxa.