A provincia de Pontevedra contou con 20 obradoiros duais de emprego que formaron a preto de 400 persoas desempregadas grazas a un orzamento de máis de 8 millóns de euros

Os participantes realizaron prácticas remuneradas que reverteron a favor do seu concello

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, participou esta mañá na clausura do obradoiro de emprego dual Sámago, no concello de Lalín.

Trátase dun obradoiro que formou a 20 persoas desempregadas nas especialidades de auxiliares en conservación e mellora de montes e auxiliares de revestimentos de construción. Este obradoiro, que tivo unha duración aproximada de nove meses, foi posible grazas a un investimento da Xunta de preto de 420.000 euros. Así, o alumnado recibiu a formación necesaria para poder desenvolverse nas súas respectivas áreas, ademais de contar con prácticas remuneradas durante toda a duración do curso. Ademais, estas prácticas reverteron a favor do seu concello, xa que os participantes realizaron traballos dentro do seu municipio.

Cabe destacar que a provincia de Pontevedra contou nesta convocatoria con vinte obradoiros deste tipo que formaron a case 400 alumnos e alumnas grazas a un investimento total de máis de 8 millóns de euros. Na comarca do Deza-Tabeirós, tamén se levou a cabo un obradoiro dual de emprego no concello de Rodeiro.

O delegado territorial felicitou a todos os participantes e entregou os diplomas que acreditan as súas novas habilidades, unhas habilidades que, segundo explicou, “abren un mundo de posibilidades laborais, dende o emprendemento, á innovación ou o traballo en grandes empresas da zona que precisan de man de obra cualificada”.

 

Loading...