A delegada da Xunta en Vigo visitou o obradoiro financiado polo Goberno galego con máis de 411.000 euros en Salceda de Caselas

A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración adicou este ano 3,9 millóns para un total de dez cursos na área viguesa

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, clausurou este luns o obradoiro Recuperación do Legado Patrimonial en Salceda que permitiu formar durante este ano a 20 persoas desempregadas. A representante autonómica destacou investimento de 411.928 euros por parte da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración para reeditar unha edición máis o curso que promoveu o Concello de Salceda de Caselas.

Ortiz salientou a dobre dimensión dos programas formativos activados polo Goberno galego, e nomeadamente dos obradoiros duais, cun alto nivel de inserción laboral de preto do 60%. “Estas iniciativas supoñen experiencias formativas que teñen en conta a realidade social e económica de Galicia, adaptándose á demanda das empresas da contorna”, apuntou a delegada, ao tempo que salientou a simbiose entre formación e emprego como fórmula de éxito.

No obradoiro formáronse 20 desempregados e desempregadas en albanelería e carpintería, con tarefas de recuperación dos canastros de Arrotea, o lavadoiro de fontán (Parderrubias), a fonte do Rial (Picoña), o lavadoiro Costa da Prata (Entenza), o lavadoiro Pozo da Feira (Santa María ), así como paneis e sinalización en sendas (río Landres, río Caselas, Laxe-Picoña).

Novas achegas en 2025

Ademais, a delegada indicou que a Xunta investiu 3,9 millóns en 2025 para un total de dez cursos na área de Vigo. Así, ademais da iniciativa en Salceda, houbo achegas para repetir neste 2025 o curso Vigo Capacita X. Tamén Mos promoveu a iniciativa Queda en Mos III; Cangas tivo o Granxa da Rúa XIII; en Gondomar o taller Coidando o Miñor; Redondela, o obradoiro Polo Mar de Redondela; O Porriño desenvolveu o obradoiro Porriño Humaniza, e Moaña o taller Labora Hostalería.

 

Loading...