O acto de entrega de diplomas, que contou coa presenza do alcalde, José Manuel Rey Varela, desenvolveuse esta mañá no salón de Recepcións do Concello, promotor deste itinerario formativo
Aneiros destacou o investimento de preto de 206.000 euros aportado polo Goberno galego, así como a importancia da colaboración entre as administracións
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou esta mañá no salón de Recepcións do Concello de Ferrol na clausura do obradoiro de emprego Lavadoiros Ferrol 1, promovido pola Administración local e no que, durante os últimos nove meses, tomaron parte unha decena de alumnos e alumnas que se formaron na especialidade de fábricas de albanelería.
Durante a súa intervención, Aneiros destacou os preto de 206.000 euros que o Goberno galego investiu neste itinerario formativo que, ademais de mellorar as opcións de incorporación ao mercado laboral dos participantes, “permitiu recuperar catro lavadoiros do municipio, contribuíndo así a manter en bo estado o patrimonio cultural da cidade”, lembrou.
Así, como en todos os obradoiros duais de emprego, os alumnos completaron a súa formación teórica con diferentes actuacións de mellora das dotacións públicas do municipio; neste caso a reparación dos lavadoiros da Feira do Dous (Serantes), Pedreira (Covas), Vila da Igrexa (San Xurxo) e o lavadoiro de Covas.
A representante da Xunta puxo, unha vez máis, en valor a importancia da colaboración entre administracións, neste caso cos concellos, como a vía máis fácil para “optar a axudas e programas autonómicos que repercutan positivamente nos seus veciños”.