O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participou na clausura do taller, financiado pola Administración autonómica con 412.000 euros e centrado nas especialidades de xardinería e mellora de montes

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, participou hoxe en Láncara na clausura do obradoiro dual de emprego Os Soutos, promovido por este concello xunto cos de Samos e Paradela. A actividade foi financiada pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración con 412.000 euros.

O taller desenvolveuse durante os últimos nove meses e sumou unha vintena de prazas en dúas especialidades formativas, unha sobre xardinería e a outra enfocada á conservación e mellora de montes.

Arias destacou que os obradoiros impulsados pola Xunta “céntranse en sectores nos que existe demanda de profesionais cualificados”, polo que animou ás persoas alumnas-traballadoras que hoxe recolleron os seus diplomas “a aproveitar esta oportunidade para abrise paso no mundo laboral”.

A formación teórica complementouse con tarefas prácticas que serviron para mellorar varios espazos dos tres municipios. Así, en Láncara leváronse a cabo labores de acondicionamento na área fluvial e na zona da estación; mentres que en Paradela traballouse no paseo do Malecón e na ruta do Loio.

No que respecta a Samos, actuouse nas contornas da piscina municipal, o campo da festa e a Horta da Botica; ademais de mellorar xardineiras en diferentes puntos do casco urbano.

Por último, Arias salientou que os diferentes programas de formación para o emprego deseñados pola Xunta “están orientados a cubrir as demandas reais das empresas”, o que permite incrementar as taxas de inserción laboral.

 

Loading...