O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, visitou hoxe en Vilagarcía a fábrica de maquinaria Thune Eureka, beneficiaria de case 21.000 € no marco desta orde para poder contratar dúas persoas mozas e unha maior de 52 anos

Puxo de relevo que se prevé chegar aos 1.700 contratos entre persoas con dificultades de inserción laboral, entre as que tamén se atopan as mulleres, parados de longa duración, retornados, estranxeiros, con discapacidade ou en risco de exclusión

Recordou que por primeira vez se incorporan no programa as axudas para promover a contratación feminina en eidos onde adoitan predominar os homes, estreadas en 2024 facendo fincapé en sectores tecnolóxicos e industriais de alto valor engadido

Entre os anos 2018 e 2024, a Xunta investiu neste programa máis de 85,6 M€, con máis de 8.200 empresas beneficiarias que posibilitaron máis de 10.500 contratacións

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, visitou hoxe en Vilagarcía de Arousa unha das empresas beneficiarias do programa Galicia Emprega, dotado este ano con 19,7 millóns de euros e aínda aberto coa previsión de promover a contratación dunhas 1.700 persoas desempregadas pertencentes aos colectivos con maiores dificultades de inserción laboral. Trátase da fábrica de maquinaria Thune Eureka, que grazas a unha axuda de case 21.000 euros puido contratar dúas persoas mozas e outra maior de 52 anos.

Fernández destacou que a convocatoria ten como fin a contratación indefinida e a tempo completo das persoas de colectivos prioritarios como a mocidade e as persoas de 52 anos ou máis, pero tamén das mulleres, persoas paradas de longa duración, emigrantes retornadas ou estranxeiras coa finalidade de aproveitar e reter o seu talento.

Como novidade, a convocatoria inclúe 1,7 millóns para impulsar a presenza de mulleres en sectores tradicionalmente masculinizados, iniciativa que se estreou o ano pasado facendo especial fincapé en sectores tecnolóxicos e industriais de alto valor engadido, como o da información e comunicación ou en actividades profesionais científicas e técnicas.

Importes por colectivo

A maiores, dos preto de 20 millóns de euros cos que conta o programa, 7 millóns de euros están dirixidos a promover a contratación de mulleres, mentres 3,5 millóns de euros son para persoas mozas e correspóndense co Galicia Emprega Moz@s, unha das iniciativas que se enmarca na Estratexia Mocidade Activa para impulsar a empregabilidade e captar o talento da xente nova e que —tan só no caso da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración— estará dotada con 20 millóns de euros.

Para os parados de longa duración e persoas de máis de 52 anos, o importe consignado é de 2 millóns de euros e a mesma cantidade para persoas emigrantes retornadas e estranxeiras. O orzamento dirixido a incentivar a contratación de persoas con discapacidade ou risco exclusión social é de 3 millóns de euros e de 500.000 euros para as persoas en entidades sen ánimo de lucro.

Cómpre engadir que entre os anos 2018 e 2024, a Xunta de Galicia investiu máis de 85,6 millóns de euros nesta iniciativa, con 8.223 empresas beneficiarias que posibilitaron 10.502 contratacións.

 

Loading...