O DOG publica hoxe a convocatoria 2026/2027 destas axudas, destinadas a sufragar gastos de desprazamento, manutención, aloxamento e conciliación para favorecer a participación nas accións formativas para o emprego impulsadas polo Goberno galego
As bolsas destínanse a persoas desempregadas que participen nas convocatorias de accións formativas ao abeiro do Sistema de Formación Profesional dos graos A, B ou C, ou do Catálogo de Especialidades do SEPE
Inclúen apoios específicos para alumnado con discapacidade, vítimas de violencia de xénero, con familiares a cargo e integrantes de familias numerosas ou monoparentais para favorecer a igualdade de oportunidades no acceso á formación
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria de axudas 2026/2027 para facilitar a participación de persoas desempregadas nos cursos de formación para o emprego que impulsa o Goberno galego. Cun investimento global de 10,2 M€, permitirán apoiar os gastos de desprazamento, manutención, aloxamento ou conciliación e favorecer que máis persoas poidan acceder á formación que precisan para mellorar as súas opcións laborais e incorporarse con éxito ao mercado de traballo, con especial atención a colectivos prioritarios, como persoas con discapacidade, vítimas de violencia de xénero ou con familiares ao seu cargo, así como integrantes de familias numerosas ou monoparentais.
As axudas cubren os gastos derivados da participación nun amplo abano de accións formativas, todas elas encadradas no Sistema de Formación Profesional dos graos A, B ou C ou na formación no traballo incluída no Catálogo de Especialidades Formativas do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE).
Entre elas figuran os cursos dos centros propios da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e das entidades e centros que imparten formación para persoas desempregadas impulsada pola Xunta, así como as accións desenvolvidas nas unidades formativas das empresas ao abeiro da orde Galicia Suma Talento: Plan de Formación Empresas, dotada con 8,5 M€ para as anualidades 2026-2027.
Detalles da convocatoria
Na liña de convocatorias anteriores, a Xunta concederá achegas directas de 9 euros por día de clase ao alumnado cunha discapacidade igual ou superior ao 33 %, así como ás persoas integrantes de familias numerosas ou monoparentais. No caso das vítimas de violencia de xénero que participen nas accións formativas, a contía será de 10 euros diarios.
O Goberno galego contempla tamén apoios á conciliación para persoas que teñan ao seu coidado fillas ou fillos, menores de 12 anos en acollemento e/ou familiares con dependencia ata o segundo grao. Neste caso, a axuda equivalerá ao 75 % do Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (Iprem) diario vixente, co fin de facilitar a asistencia ás actividades formativas.
A convocatoria inclúe, ademais, axudas para o transporte en vehículo propio (ata 25 euros diarios) ou público urbano e interurbano (1,5 euros ao día); para a manutención (12 euros diarios) cando o domicilio estea a máis de 20 quilómetros; e para aloxamento e manutención, cun máximo de 80 euros diarios, cando a distancia sexa de 100 quilómetros ou máis ou non exista transporte que permita o desprazamento diario.
As solicitudes deberán presentarse no prazo dun mes desde a incorporación á acción formativa ou desde que se produza o feito causante da axuda. Poderán acollerse á convocatoria as accións formativas iniciadas entre o 1 de novembro de 2026 e o 31 de outubro de 2027.
Ligazón ao DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20261029/AnuncioG0767-231026-0003_gl.html